O centro-esquerda imponse nas eleccións da rexión italiana de Emilia-Romagna cun 51% dos votos e derrota á extrema dereita de Matteo Salvini, que consideraba estes comicios clave para tombar o Goberno italiano do Partido Democrático e o Movemento 5 Estrelas. Como pano de fondo, o movemento das sardiñas, as multitudinarias manifestacións contra a extrema dereita, que así e todo ascende notablemente. Na imaxe, o reelixido presidente da Emilia-Romagna, Stefano Bonaccini, comparecendo para celebrar o resultado.
Fálase
O Deportivo da Coruña mantén a boa xeira de resultados dende a chegada de Fernando Vázquez como adestrador do primeiro equipo masculino e imponse ao Albacete por 0-1. O outro equipo galego na segunda, o CD Lugo, caeu 2-1 ante o Huesca o sábado. Na Primeira, o Celta non puido pasar do empate sen goles ante o Eibar.
As fundacións Otero Pedrayo, Vicente Risco, Losada Diéguez e Castelao promoven que a nova biblioteca de Ourense sexa denominada Biblioteca Pública Nós. Sería, din, unha "homenaxe permanente" a un "movemento de renovación, amplo e diverso, caracterizado polo impulso á actualización e apertura da nosa cultura e da nosa identidade ás correntes universais". A Xunta pediu suxestións para denominar a nova biblioteca.
Unha enquisa de Sondaxe para La Voz de Galicia sitúa o PP no límite da maioría absoluta no Parlamento de Galicia, con 38 escanos, 3 menos que na actualidade. Segundo este inquérito, a segunda sería forza sería o PSdeG con 18 escanos (+4), o BNG recuperaría o terceiro posto con 11 (+5) e outorga a cuarta posición con 8 escanos a Podemos, partido que previsiblemente concorrerá coligado con outras forzas.
Unha muller é asasinada na Pastoriza polo seu marido, que despois se suicidou, segundo adiantou El Progreso
Benedicta Sánchez logra o Premio Goya á mellor actriz revelación polo seu papel n'O que arde, de Oliver Laxe. O máis destacado da gala para o audiovisual galego, neste espazo de Praza.gal
Manuel Gallego Jorreto recibiu este venres no Museo de Belas Artes da Coruña, de mans do ministro de Transportes, o Premio Nacional de Arquitectura que concede este departamento. É a segunda vez que o arquitecto recibe este galardón; a anterior fora para distinguir o seu traballo na sede deste museo coruñés. Na imaxe, do Concello da Coruña, Gallego Jorreto (segundo pola dereita) con cargos e autoridades asistentes ao acto
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, e o presidente do Consello Europeo, Charles Michel, asinan o acordo do Brexit, que agora pasa ao Parlamento Europeo para ser ratificado. A Comisión Europea tamén nomeou o que será o seu primeiro embaixador no Reino Unido tras a saída, o diplomático portugués João Vale de Almeida. (Imaxe: Comisión Europea)
‘Fariña’, a peza teatral inspirada no libro de Nacho Carretero, chega este venres a Vilalba e o sábado estará en Noia. "Non hai nomes propios, a protagonista de 'Fariña' é Galicia, a nosa forma de ser", dicíanos Xosé Antonio Touriñán nesta entrevista sobre a montaxe.
A cooperativa A Carqueixa, dos Ancares, lanza unha campaña nas redes sociais para apoiar 'O que arde' nos premios Goya, nos que mañá opta a catro galardóns. Boa parte dos cooperativistas participaron como extras na rodaxe do filme e o presidente da entidade, José Antonio Díaz, destaca que "Óliver gañou algo moito máis importante que a candidatura aos Goya, gañou aos veciños e gravou os Ancares como nunca antes”.