Benedicta Sánchez logra o Premio Goya á mellor actriz revelación polo seu papel n'O que arde, de Oliver Laxe. O máis destacado da gala para o audiovisual galego, neste espazo de Praza.gal

Benedicta Sánchez logra o Premio Goya á mellor actriz revelación polo seu papel n'O que arde, de Oliver Laxe. O máis destacado da gala para o audiovisual galego, neste espazo de Praza.gal
Manuel Gallego Jorreto recibiu este venres no Museo de Belas Artes da Coruña, de mans do ministro de Transportes, o Premio Nacional de Arquitectura que concede este departamento. É a segunda vez que o arquitecto recibe este galardón; a anterior fora para distinguir o seu traballo na sede deste museo coruñés. Na imaxe, do Concello da Coruña, Gallego Jorreto (segundo pola dereita) con cargos e autoridades asistentes ao acto
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, e o presidente do Consello Europeo, Charles Michel, asinan o acordo do Brexit, que agora pasa ao Parlamento Europeo para ser ratificado. A Comisión Europea tamén nomeou o que será o seu primeiro embaixador no Reino Unido tras a saída, o diplomático portugués João Vale de Almeida. (Imaxe: Comisión Europea)
‘Fariña’, a peza teatral inspirada no libro de Nacho Carretero, chega este venres a Vilalba e o sábado estará en Noia. "Non hai nomes propios, a protagonista de 'Fariña' é Galicia, a nosa forma de ser", dicíanos Xosé Antonio Touriñán nesta entrevista sobre a montaxe.
A cooperativa A Carqueixa, dos Ancares, lanza unha campaña nas redes sociais para apoiar 'O que arde' nos premios Goya, nos que mañá opta a catro galardóns. Boa parte dos cooperativistas participaron como extras na rodaxe do filme e o presidente da entidade, José Antonio Díaz, destaca que "Óliver gañou algo moito máis importante que a candidatura aos Goya, gañou aos veciños e gravou os Ancares como nunca antes”.
O Supremo rexeita suspender cautelarmente a sanción de 7 meses e 1 día imposta polo Poder Xudicial á xuíza Pilar de Lara, que implica perder o seu destino en Lugo por "falta moi grave de desatención". A instrutora de casos como Pokémon ou Carioca alegou que a sanción implica "graves prexuízos persoais e familiares", pero o Supremo entende que debe primar "o interese do bo funcionamento da Xustiza".
Fiscalía e vítimas do accidente do metro de Valencia, en cuxo xuízo ía declarar como perito o cargo de Adif imputado por Angrois, chegan a un acordo e catro acusados aceptan a súa culpabilidade. O xuízo ía comezar o próximo luns con oito acusados, pero agora catro asumen a culpa a cambio de rebaixas nas penas e outros catro son exonerados, segundo avanza o diario Las Provincias. O sinistro, ocorrido en 2006, tiña varias semellanzas co de Angrois, de 2013, que o facían evitable.
Os homes de palla do ex-presidente de Pescanova, Fernández de Sousa, admiten vendas ficticias na compañía. Unha información de Lara Graña no Faro de Vigo no marco da cobertura do xuízo pola quebra da empresa.
A conselleira de Educación ofrece agora ás familias do colexio apuntalado de Sarria trasladar "temporalmente" o alumnado a outra zona do edificio "non afectada polas fendas". Carmen Pomar trasladouse ao centro tras o incremento das protestas de pais e nais, que se negan a que a actividade docente continúe nun espazo que non ven seguro.
Un incendio nunha nave industrial de Narón obriga a desaloxar o recinto. Non hai danos persoais tras o lume declarado nunha planta de reciclaxe do polígono do Río do Pozo. Imaxe: CRTVG.