Fiscalía e vítimas do accidente do metro de Valencia, en cuxo xuízo ía declarar como perito o cargo de Adif imputado por Angrois, chegan a un acordo e catro acusados aceptan a súa culpabilidade. O xuízo ía comezar o próximo luns con oito acusados, pero agora catro asumen a culpa a cambio de rebaixas nas penas e outros catro son exonerados, segundo avanza o diario Las Provincias. O sinistro, ocorrido en 2006, tiña varias semellanzas co de Angrois, de 2013, que o facían evitable.
Fálase
Os homes de palla do ex-presidente de Pescanova, Fernández de Sousa, admiten vendas ficticias na compañía. Unha información de Lara Graña no Faro de Vigo no marco da cobertura do xuízo pola quebra da empresa.
A conselleira de Educación ofrece agora ás familias do colexio apuntalado de Sarria trasladar "temporalmente" o alumnado a outra zona do edificio "non afectada polas fendas". Carmen Pomar trasladouse ao centro tras o incremento das protestas de pais e nais, que se negan a que a actividade docente continúe nun espazo que non ven seguro.
Un incendio nunha nave industrial de Narón obriga a desaloxar o recinto. Non hai danos persoais tras o lume declarado nunha planta de reciclaxe do polígono do Río do Pozo. Imaxe: CRTVG.
O Tribunal Supremo mantén a inhabilitación de Joaquim Torra como deputado do Parlamento catalán malia ao criterio da Fiscalía, que considerou que a Xunta Electoral non é competente para inhabilitalo e cumpría agardar polo ditame definitivo do TS.
Fitur premia como mellor mellor audiovisual da edición do pasado ano o vídeo da Deputación de Pontevedra 'Fame de experiencias', da produtora viguesa Esmerarte e dirixido por Alberto Baamonde e Laura Fontán. Aquí podes ver ese e outros oito vídeos da pasada edición de Fitur que amosan a beleza de Galicia e o seu atractivo turístico.
A Xunta saca a concurso as últimas 29 concesións pendentes da reestruturación global das liñas de bus en toda Galicia, que debía estar rematada a finais de 2019. Así o asegurara o propio Feijóo en abril de 2018, cando iniciara a tramitación do plan de reestruturación actual, que daquela xa tiña que estar aprobado.
A Xunta anula a axenda da conselleira de Educación prevista para hoxe, con actos en Santiago e Teo, e introduce nela unha visita de Carmen Pomar ao colexio apuntalado en Sarria, o Frei Luis de Granada, onde medran as protestas das familias por teren que enviar fillas e fillos ao centro nunhas condicións que non consideran seguras.
A Plataforma de Vítimas de Angrois pide por carta a Pablo Iglesias que os reciba como vicepresidente do Goberno central xa que non o fan nin Sánchez nin o ministro de Fomento. Os afectados lembran que España segue sen realizar a investigación técnica independente do accidente que vén reclamando a UE. “Énchenos de esperanza que ocupe este posto, xa que tanto vostede como o seu partido amosaron o seu compromiso coa nosa causa”, di a misiva, que lembra, en referencia ás áreas competenciais do vicepresidente, que “non hai unha política máis social que atender ás vítimas”.
As seleccións de fútbol gaélico comezan a captación de voluntariado para o campionato europeo, que se xogará en Pontevedra o vindeiro xullo con Galicia como anfitrioa. Na imaxe, integrantes dos combinados feminino e masculino da selección.