As seleccións de fútbol gaélico comezan a captación de voluntariado para o campionato europeo, que se xogará en Pontevedra o vindeiro xullo con Galicia como anfitrioa. Na imaxe, integrantes dos combinados feminino e masculino da selección.
![](https://praza.gal/media/cache/live_image/uploads/eo5dcfcwsaezp2v-e6a8a59.jpeg)
As seleccións de fútbol gaélico comezan a captación de voluntariado para o campionato europeo, que se xogará en Pontevedra o vindeiro xullo con Galicia como anfitrioa. Na imaxe, integrantes dos combinados feminino e masculino da selección.
O BNG lanza unha “ofensiva conxunta en Madrid e Bruxelas” para que o Estado faga a investigación técnica independente de Angrois que lle esixe a UE. Ana Miranda e Néstor Rego presentan varias iniciativas para intentar impulsar a vertente política dun sinistro que no eido xudicial segue a acumular demoras.
Civio identifica milleiros de contratos públicos que bordean a lei para poderen ser adxudicados sen concurso e sitúa a Deputación de Ourense á cabeza das administracións que máis recorreron a esta práctica en 2019 por todo o Estado. É unha investigación de Eva Belmonte que pode consultarse íntegra aquí
Evacuado un operario das obras do AVE en San Cibrao das Viñas tras golpealo unha máquina no peito. O accidente aconteceu contra a unha e media da madrugada, segundo confirma o 112. O traballador foi trasladado ao hospital consciente, pero cunha forte dor, aclara Emerxencias. Na imaxe (CC BY-NC-SA Praza Pública), obras do AVE na provincia de Ourense.
GCiencia escolma vinte recomendacións de contidos de ciencia en galego en internet. Entre elas, Concienciadas, o espazo de divulgación científica de Praza.gal, que proximamente publicará o seu novo episodio.
Manuel Lago fai oficial a súa baixa como deputado de Común da Esquerda no Parlamento para incorporarse ao equipo da ministra de Traballo, Yolanda Díaz. A incorporación á Cámara corresponde a Mariló Candedo, número 8 de En Marea pola Coruña en 2016, que previsiblemente se sumará ao Grupo Mixto.
A Xustiza constata que unha empresa de Huesca, Flumenali, copiou o deseño das caixas de ovos da galega Pazo de Vilane na súa marca Corral de Monegros e obrígaa a retiralo por competencia desleal. A compañía galega, con sede en Antas de Ulla, explícao nun comunicado. "Esta sentenza é un recoñecemento importantísimo ao noso esforzo", afirman.
Rivais de Celta e Deportivo foron primados en 2013 con 150.000 euros cada un polo Osasuna. O ex-xerente do club pamplonés, Ángel Vizcay, declara no xulgado que pagou ao Betis e o Valladolid para que gañasen aos equipos galegos porque “tanto Celta como Deportivo eran rivais clasificatorios próximos e primouse aos que xogaban contra eles”. Tanto Betis como Valladolid gañaron por 1-0 os últimos partidos da temporada 2012/13 que xogaron contra Celta e Deportivo respectivamente.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, dá a luz no Clínico de Santiago. A filla da líder e candidata do Bloque chamarase Icía, segundo confirmou. "Naceu Icía e sinto que hai unha razón máis para soñar un futuro mellor. Tela á miña beira, tan pequena e con toda a vida por diante, dáme máis forza para converter en realidade os nosos desexos", sinalou Pontón a través das redes sociais, onde engade o seu agradecemento ao persoal do Sergas que a atendeu.
A XXI conferencia anual sobre Plácido Castro celébrase este venres en Nigrán baixo o título Rara avis: Plácido Castro e o liberalismo galeguista. Impartida polo profesor e investigador Xosé Luís Pastoriza Rozas, será ás 20.00 horas no auditorio municipal.