Alumnado do colexio Sagrado Corazón de Pontevedra está a realizar unha serie de vídeos que, co título de Dígocho a ti, debullan distintos temas relacionados coa lingua galega (vocabulario, normas gramaticais...), tomando como referencia o espazo Dígocho eu da CRTVG. A primeira peza destacou que no galego hai máis de cen palabras relacionadas coa chuvia e a segunda afondou tamén en cuestións meteorolóxicas. Na última edición de 21 días co galego os centros participantes tamén levaron a cabo vídeos co formato de Dígocho eu
Fálase
A Pobra do Caramiñal e O Grove sairán a partir deste venres do nivel máximo de restricións, desaparecendo polo tanto o peche perimetral que lles afectaba. Vilanova de Arousa, Cualedro e Carballeda de Valdeorras mantéñense neste nivel máximo. Petín, Muíños, Verea, A Merca, Meira, O Grove, Ribadumia, Marín, Meaño, Meis, Ponteareas, Salceda de Caselas, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Cambre e Coristanco situaranse no nivel alto. Mentres, Lobeira, Lobios, Verín, Cartelle, Xinzo de Limia, O Barco de Valdeorras, Trabada, Barreiros, Chantada, Cambados, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, Poio, Cangas, Gondomar, Vigo, O Porriño, Nigrán, Tui, Rianxo, Mesía, Carnota, Carral, A Laracha, Betanzos, Carballo e Ares estarán no nivel medio. O resto de Galicia quedará no nivel baixo de restricións.
Asasinados en Burkina Faso o xornalista navarro David Beriain, que desenvolvera parte da súa carreira como correspondente para La Voz de Galicia, e o fotoxornalista biscaíño Roberto Fraile. Estaban a realizar unha reportaxe sobre a caza furtiva nese país. Na imaxe, Beriain nun documental no que abordou a situación da mafia en Italia (©DMAX)
A ferrolá Tamara Abalde regresa ao baloncesto galego fichando polo Ensino de Lugo. A internacional galega, que procede do Araski vasco, formouse na canteira do Celta, foi olímpica en 2008 e campioa de Europa en 2009. (Imaxe: Durán Maquinaria Ensino)
A UE emprende accións legais contra AstraZeneca por incumprir o contrato para o subministro de vacinas para a COVID-19 nos termos acordados. A comisaria de Saúde, Stella Kyriakides, subliña que a Comisión Europea inicia o preito contra a farmacéutica en representación de todos os Estados membros.
A ministra de Industria, Reyes Maroto, recibe un sobre cunha navalla ensanguentada na sede do Ministerio. Sucede escasos días despois de que o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, a directora da Garda Civil, María Gámez, e o candidato de Unidas Podemos en Madrid, Pablo Iglesias, recibisen sobres con textos ameazantes acompañados de balas. "As ameazas e a violencia nunca acalarán a voz da democracia. A liberdade prevalecerá", di a ministra. Horas despois, o autor do envío foi identificado e as primeiras informacións apuntan a que padece unha enfermidade mental.
Abel Caballero acusa a Xunta de "facer caixa coa pandemia". O alcalde de Vigo denuncia que o Goberno de Feijóo queda con gran parte dos cartos que o Estado destina a Galicia e que deberían recaer nos concellos.
A Associaçom José Afonso en Galicia lembra a figura de Celeste Caeiro, a lisboeta de orixe galega que converteu o caravel no símbolo da revolución do 25 de abril en Portugal.
A galega Vero Boquete guía o Milan á final da Copa de Italia con dous goles no derbi ante o Inter. A xogadora compostelá loitará polo primeiro título da historia do equipo feminino milanista. Foto: ©ACMilan
O Banco Santander pecha de vez a súa sucursal en Guísamo (Bergondo) entre protestas da veciñanza e do goberno local, e afonda na exclusión financeira en Galicia, onde hai 45 concellos sen oficina e 118 onde só hai unha. Os clientes da entidade terán que desprazarse ao polígono industrial para seren atendidos.