A ferrolá Tamara Abalde regresa ao baloncesto galego fichando polo Ensino de Lugo. A internacional galega, que procede do Araski vasco, formouse na canteira do Celta, foi olímpica en 2008 e campioa de Europa en 2009. (Imaxe: Durán Maquinaria Ensino)
Fálase
A UE emprende accións legais contra AstraZeneca por incumprir o contrato para o subministro de vacinas para a COVID-19 nos termos acordados. A comisaria de Saúde, Stella Kyriakides, subliña que a Comisión Europea inicia o preito contra a farmacéutica en representación de todos os Estados membros.
A ministra de Industria, Reyes Maroto, recibe un sobre cunha navalla ensanguentada na sede do Ministerio. Sucede escasos días despois de que o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, a directora da Garda Civil, María Gámez, e o candidato de Unidas Podemos en Madrid, Pablo Iglesias, recibisen sobres con textos ameazantes acompañados de balas. "As ameazas e a violencia nunca acalarán a voz da democracia. A liberdade prevalecerá", di a ministra. Horas despois, o autor do envío foi identificado e as primeiras informacións apuntan a que padece unha enfermidade mental.
Abel Caballero acusa a Xunta de "facer caixa coa pandemia". O alcalde de Vigo denuncia que o Goberno de Feijóo queda con gran parte dos cartos que o Estado destina a Galicia e que deberían recaer nos concellos.
A Associaçom José Afonso en Galicia lembra a figura de Celeste Caeiro, a lisboeta de orixe galega que converteu o caravel no símbolo da revolución do 25 de abril en Portugal.
A galega Vero Boquete guía o Milan á final da Copa de Italia con dous goles no derbi ante o Inter. A xogadora compostelá loitará polo primeiro título da historia do equipo feminino milanista. Foto: ©ACMilan
O Banco Santander pecha de vez a súa sucursal en Guísamo (Bergondo) entre protestas da veciñanza e do goberno local, e afonda na exclusión financeira en Galicia, onde hai 45 concellos sen oficina e 118 onde só hai unha. Os clientes da entidade terán que desprazarse ao polígono industrial para seren atendidos.
Virxinia Pereira xa ten a súa avenida en Pontevedra. Operarios do consistorio mudaron este venres as placas da rúa en presenza do alcalde e outros membros do goberno local. O cambio, destaca Miguel Anxo Fernández Lores, responde á decisión de honrar a Pereira como "persoa de Pontevedra, defensora do legado de Castelao" e mais de "visibilizar a potencia das mulleres da cidade". "Esta rúa era merecente de cambiar o nome porque a persoa que o representaba, o rei emérito Juan Carlos I, non era merecente" e, coida Lores, "cada vez é máis obvia esta percepción". "É o momento de cambialo por unha persoa que si merece recoñecemento", conclúe. (Imaxe: Concello de Pontevedra).
Doce días despois dáse por “totalmente extinguido” o incendio no polígono do Ceao, onde durante este tempo varios reténs seguiron actuando “para evitar que os rescaldos avivasen e manter a seguridade do lugar”.
A Xunta incorpora dende o luns a Vilanova de Arousa ao grupo de concellos coas máximas restricións pola COVID-19, no que seguirán A Pobra do Caramiñal, O Grove, Carballeda de Valdeorras e Cualedro. Ademais, unha decena de municipios sobe de nivel de restricións e catro (Rubiá, As Pontes, Muxía e Ortigueira) descenden ao nivel baixo. 12 concellos quedan no nivel alto (Lobeira, Muiños, Petín, O Barco de Valdeorras, Meira, Ribeira, Cambre, Marín, Meis, Meaño, Ribadumia e Ponteareas) e unha vintena, no medio (Cartelle, Lobios, Cortegada, Padrenda, Verín, Trabada, Barreiros, Chantada, Boiro, Rianxo, Carnota, Carral, Catoira, A Illa de Arousa, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Poio, Sanxenxo, Cangas, Gondomar e Vigo). Inicialmente, a Xunta situou Trabada e Barreiros no nivel alto, pero minutos despois corrixiu o erro.