Un grupo de familias e membros da comunidade educativa de distintos centros de ensino galegos lanzan a campaña “ColesNegros” coa que denuncian os recortes introducidos na educación pública. Fan un chamamento a crianzas, familias e persoal docente e non docente para que a partir deste xoves 23 acodan todos os xoves aos coles vestidos de negro ou cunha cinta ou fita negra "que evidencien a intención da Xunta de deixar morrer a escola pública". Inspíranse nos #venresnegros do persoal da CRTVG ou nos #martesnegros da Asemblea de Investigadoras de Compostela
Fálase
O persoal de Alcoa na Mariña decide volver á folga indefinida ante o "bloqueo" da venda da planta. Os traballadores deciden en asemblea, por ampla maioría, volver ao paro.
Toda Galicia seguirá en nivel baixo de restricións da Xunta pola COVID-19 dende o sábado agás Foz e O Barco, que se situarán no medio -do que sae Monforte-. Así o vén de comunicar a Consellería de Sanidade, que informa ademais de que o límite xeral de capacidade no interior dos locais pasa a ser do 75% sen límite de persoas (alén do mantemento da distancia de seguridade) agás nos concellos en nivel máximo (se os houber), que sería do 50%.
O festival PortAmérica – Origen, que se celebra o 1 e 2 de outubro, pon á venda as entradas este xoves. Este martes presentou as súas características, con entradas nominativas, público de pé e dividido por sectores.
O mural de Diego As (Diego Anido) na Ronda da Muralla de Lugo baseado na figura de Xulio César, elixido mellor graffiti do mundo no mes de agosto na votación organizada pola rede Street Art Cities. O artista xa fora distinguido, este mesmo ano, como campión das Graffiti Battles organizadas pola Liga Nacional de Graffiti. [Imaxe: CC-BY-SA Praza.gal]
A empresa de compoñentes eólicos Vestas anuncia o "cese da produción" na súa factoría de Viveiro, onde traballan máis dun cento de persoas. A compañía anuncia a mesma decisión para outras fábricas en Alemaña e Dinamarca e avanza que prevé o peche na Mariña contra finais de ano. Asegura tamén que prevé recolocar o persoal noutras fábricas en España.
A Xunta ratifica que rexeita a suba do salario mínimo interprofesional acordada polo Goberno de España porque "non é o momento" e non foi pactada coa patronal CEOE. Afirmouno a conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana, en declaracións á Radio Galega. Na imaxe (do pasado xullo), Lorenzana asinando un convenio coa Confederación de Empresarios de Galicia.
A erupción volcánica de La Palma continúa a través de oito bocas polas que continúa emerxendo o magma, segundo informa ao vivo a Radio Televisión Canaria, en cuxa web pode seguirse ao vivo. O presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, desprazouse á illa para seguir as tarefas de supervisión da erupción e de asistencia á poboación. Prevese á evacuación de entre cinco e dez mil persoas e polo momento os danos son só materiais (Imaxe da retransmisión da RTVC).
Comeza unha erupción volcánica na illa canaria de La Palma. Iniciouse nunha zona forestal non habitada tras varios días de sismos e cos dispositivos de emerxencia en alerta para posibles evacuacións. [Imaxe: @interiorgob]
As principais cidades e vilas galegas acollen na tarde deste sábado concentracións polo asasinato machista dunha veciña da Coruña. Colectivos feministas continúan a actualizar a listaxe de mobilizacións.