A Mesa do Congreso rexeita crear os dous grupos propostos a partir do Grupo Mixto, seguindo o ditame en contra dos letrados da Cámara, e dá unha semana máis de prazo para a súa constitución. Un deles era o Grupo Múltiple, formado por Más País, JxCat, Compromís e BNG.
Fálase
Boris Johnson obtén unha maioría absoluta esmagadora nas eleccións do Reino Unido, con 363 escanos, case 40 por riba da maioría absoluta. A vitoria conservadora facilita o camiño para o Brexit. En Escocia o SNP obtén 48 dos 59 escanos, e albíscase a opción dun segundo referendo independentista.
Máis dun milleiro de docentes manifestáronse en Santiago pola recuperación do horario lectivo nunha xornada de folga que tivo un seguimento do 60% segundo os sindicatos.
A Unesco declara Patrimonio Inmaterial da Humanidade os caretos da vila portuguesa de Podence. Estes personaxes son tradicionais no Entrudo Chocalheiro de Tras os Montes.
María Dolores Rivera Frade convértese mañá na primeira muller en presidir unha Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Rivera Frade estará á fronte da sala do Contencioso-Administrativo. No acto tamén tomará posesión Luis Fernando de Castro como presidente da sala do Social, ata agora encabezada polo novo presidente do TSXG, José María Gómez y Díaz-Castroverde. (Imaxe: CGPJ)
O BNG solicita constituír grupo parlamentario no Congreso con Junts per Catalunya, Más País-Equo e Compromís baixo o nome Grupo Parlamentario Múltiple. A formación subliña que o fan por "criterios operativos e non ideolóxicos" e "funcionará de facto como un grupo mixto". Ao non facer parte do Grupo Mixto, estas formacións -se a Mesa do Congreso acepta a proposta- gañarán visibilidade, tempos de intervención e recursos no Congreso. A primeira voceira sería Laura Borràs (Junts) e o vicevoceiro, Íñigo Errejón, se ben prevén que estes postos sexan "rotatorios".
O fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, anuncia que solicitará a creación de fiscalías anticorrupción na Coruña e Pontevedra e promoverá a creación dunha fiscalía especializada en delitos económicos. Afirmouno durante a súa comparecencia no Parlamento para presentar a memoria anual do Ministerio Público en Galicia. A decisión depende, en última instancia, da Fiscalía Xeral do Estado.
A operación de reflote do Blue Star rematou "sen danos medioambientais", segundo asegura a Delegación do Goberno en Galicia, que destaca un dispositivo no que participaron 250 persoas.
Alberto Fernández comeza a exercer como presidente da Arxentina coa toma de posesión e o nomeamento do gabinete ministerial que substitúe ao de Mauricio Macri.
O PSdeG expulsará os dous edís de Mugardos que militan no partido e asinaron a moción de censura co PP, dando a alcaldía da vila ao popular Juan Domingo de Deus este martes. A dirección socialista prevé tamén esixir a acta aos tres membros do seu grupo neste concello -unha delas non milita no PSdeG-, segundo confirman fontes do partido a Praza.gal. (Imaxe: retransmisión TVG)