A candidatura do Cabo Ortegal como Xeoparque Mundial da Unesco, impulsada polos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño –que integran a Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal–, recibe o “total respaldo” do Goberno do Estado. Así o trasladou o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, este martes na zona, onde sinalou que “Cabo Ortegal conta con todas as características necesarias para acadar o recoñecemento internacional”, diante dos avaliadores internacionais do proxecto. “Ortegal merece o recoñecemento da Unesco e vai contar co apoio deste Goberno para seguir facendo deste recanto de Galicia un referente do turismo verde e sostible que busca impulsar o Goberno en España, en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 da Unesco”, incidiu Miñones sobre un proxecto que puxo como “exemplo de colaboración institucional”.