Un incendio declarado na tarde deste xoves na parroquia de Parada, en Lobelle, afecta o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Segundo as últimas estimacións de Medio Rural, van 35 hectáreas ardidas e o lume “evoluciona favorablemente cara á súa estabilización”. [Imaxe do incendio en Lobelle, de ATBRIF]
Fálase
Un furacán formado no Atlántico ameaza Galicia e alerta os meteorólogos. O Centro Nacional de Furacáns dos EUA vén de confirmar a formación deste anómalo ciclón tropical que, segundo a súa traxectoria, podería afectar a Galicia a mediados de setembro ou virar máis cara ao norte. Estao contando GCiencia.
Os incendios que nos últimos días afectaron a Oímbra e Melón quedaron extinguidos esta noite, despois de queimar 96 e 76 hectáreas, respectivamente. Tamén quedou controlado o incendio que arrasou unhas 62 hectáreas en Cenlle
A Secretaría Xeral de Política Lingüística confirma que a nova serie baseada nas novelas de Tolkien, ‘O Señor dos Aneis: os aneis do poder’, poderá verse dobrada ao galego e subtitulada na nosa lingua. A serie estréase este venres, 2 de setembro, na plataforma Amazon Prime.
A candidatura do Cabo Ortegal como Xeoparque Mundial da Unesco, impulsada polos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño –que integran a Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal–, recibe o “total respaldo” do Goberno do Estado. Así o trasladou o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, este martes na zona, onde sinalou que “Cabo Ortegal conta con todas as características necesarias para acadar o recoñecemento internacional”, diante dos avaliadores internacionais do proxecto. “Ortegal merece o recoñecemento da Unesco e vai contar co apoio deste Goberno para seguir facendo deste recanto de Galicia un referente do turismo verde e sostible que busca impulsar o Goberno en España, en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 da Unesco”, incidiu Miñones sobre un proxecto que puxo como “exemplo de colaboración institucional”.
O Consello de Ministros aproba a nova Lei do Aborto, que inicia agora a súa tramitación parlamentaria. A nova norma mellora a xestión pública da interrupción voluntaria do embarazo, fortalece o dereito a facelo das mozas de 16 e 17 anos sen que sexa necesario contar coa autorización dos seus pais e introduce a posibilidade de acceder a baixas laborais por menstruacións dolorosas. Tamén inclúe a gratuidade dos anticonceptivos hormonais, incluída a pílula do día despois e o permiso remunerado antes do parto, dende a semana 36 do embarazo.
Morre en Compostela un bombeiro que formaba parte do dispositivo de extinción do incendio nun autobús urbano sen pasaxe en Aríns. O mozo, que estaba en prácticas e que non participaba na intervención, foi alcanzado polo vehículo.
A UE anuncia unha "intervención de emerxencia" para reformar o mercado eléctrico ante o "aumento vertixinoso dos prezos" que pon de manifesto "as súas limitacións", segundo anuncia a presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen. Os ministros de Enerxía están convocados para unha reunión o vindeiro 9 de setembro.
Nas últimas horas quedou controlado o incendio que dende o venres afectaba a Porto do Son (parroquia de Ribasieira) e que queimou 82 hectáreas. Tamén ficou estabilizado o que o venres comezara no Viana do Bolo (parroquia de Grixoa) despois de arrasar 102 hectáreas de superficie. Así mesmo, foi extinguido o incendio que que afectou o Parque Natural do Xurés e que queimou 1,5 hectáreas no concello de Muíños. E, finalmente, foi estabilizado o lume que arrasou 20 hectáreas na Pobra de Trives (parroquia de Barrio)
Nas fins de semana de agosto, Praza.gal non se actualiza por descanso do persoal. Pero deixamos moito para ler e o luns estamos de volta 🙂