Ana Peleteiro, clasificada por segunda vez para a final mundial de triplo salto tras lograr unha marca de 14,23 metros. A deportista de Ribeira disputará a final o sábado ás 19:35. (Imaxe: RFEA)

Ana Peleteiro, clasificada por segunda vez para a final mundial de triplo salto tras lograr unha marca de 14,23 metros. A deportista de Ribeira disputará a final o sábado ás 19:35. (Imaxe: RFEA)
A Xunta aproba un teito de gasto para o ano próximo, no que haberá eleccións autonómicas, de 10.160 millóns, un 3,2% máis que os 9.850 millóns deste ano. Faino tras amagar con non presentar orzamentos para 2020, como obriga a lei, en protesta polo bloqueo das transferencias estatais polo Goberno central en funcións. Esas contas autonómicas para o próximo ano, segundo fixou a propia Xunta, terán como prioridade a preparación do Xacobeo 2021.
Pedro Sánchez só participará nun debate electoral e a cinco, cos candidatos de PP, Ciudadanos, Podemos e Vox, que agora xa ten representación parlamentaria e supera así o veto fixado na anterior compaña pola Xunta Electoral. Será o luns 4 de novembro, segundo vén de decidir o PSOE.
A organización de Conxemar quéixase publicamente porque a Banda de Gaitas de Ourense tocou o himno galego e non o español durante a inauguración da feira de produtos do mar, que se celebra en Vigo ata este xoves.
A CIG homenaxea hoxe en Ourense a "loita incansábel" de Etelvino Blanco, histórico sindicalista falecido o pasado verán. O acto na súa memoria desenvólvese dende as 20h no salón de actos da Casa Sindical, no parque de San Lázaro.
As primeiras enquisas cara ás xerais do 10 de novembro apuntan a unha concentración do voto da dereita no PP e a unha maior fragmentación do electorado da esquerda. Unha análise de eldiario.es
PARO REXISTRADO | As inscricións nas oficinas de emprego galegas aumentaron en 3.164 durante o mes de setembro, ata as 156.984 persoas. Son 9.336 menos que hai un ano. No mesmo mes as afiliacións á Seguridade Social reducíronse máis do duplo en Galicia con 7.353 menos e quedan en 1,03 millóns, o que supón 15.660 máis que en setembro de 2018. Máis información, esta mañá en Praza.gal
O atleta mariñao Adrián Ben logra o sexto posto na final mundial dos 800 metros. O de Doha é o primeiro Mundial no que participa o deportista de Viveiro, de 21 anos. (Imaxe: RFEF)
A casa de Otero Pedrayo, en Trasalba, acolle este martes, 88º aniversario da aprobación do dereito ao voto feminino na II República, a presentación de O meu pecado mortal. O voto feminino mais eu, de Clara Campoamor. O volume, que publica Galaxia na súa colección Feminismos, foi traducido ao galego por María Reimóndez e a edición e o prólogo son obra de Celia Pereira Porto.
Cinco persoas feridas ao caer ao río en Touro a ambulancia que trasladaba pacientes ao servizo de diálise. Segundo confirma o 112, o sinistro sucedeu contra as sete e cuarto desta mañá e tanto os catro pacientes, de avanzada idade, como o condutor foron rescatados e trasladados a centros sanitarios. (Imaxe: unha ambulancia do 061, nunha fotografía de arquivo)