A esta hora están a celebrarse en toda Galicia concentracións en repulsa polo asasinato machista que tivo lugar en Valga este domingo
Fálase
A proposta de Theresa May para o Brexit, acordada coa UE, volve ser rexeitada polo Parlamento británico (242 votos a favor, 391 en contra), deixando a Primeira Ministra nunha posición moi difícil. Este mércores celebrarase unha nova votación, desta volta para aceptar ou non un Brexit sen acordo.
Os votos do PP impiden que o Parlamento tramite a proposición de lei de memoria histórica de Galicia promovida polo BNG, que si tivo os votos a prol de En Marea e PSdeG.
Expertos analizan o xeito de eliminar novas pintadas na Catedral de Santiago, desta volta no acceso á escalinata do Obradoiro e no arco de Xelmírez. O Concello compostelán "condena unha nova agresión ao patrimonio" e "ponse á disposición da Catedral para colaborar no que sexa necesario", indica. Na imaxe, do consistorio, persoal da Fundación Catedral no lugar dos feitos. O pasado agosto aparecera unha pintada na fachada de Praterías, que foi eliminada pouco despois.
Antonio Durán, Morris, premio da Unión de Actores e Actrices ao mellor actor secundario de televisión por Fariña, serie da galega Bambú Producciones para A3 Media na que interpretaba o narco Manuel Charlín.
A Xunta Electoral Central rexeita prohibir as roldas de prensa posteriores ao Consello de Ministros que o Goberno de España celebra cada venres. PP e Ciudadanos pretendían limitar estas intervencións ata os comicios do 28A por consideralas electoralistas.
O Goberno central publicará mañá o borrador do estatuto electrointensivo que reclama o persoal de Alcoa para salvar as plantas, segundo conta Radio Coruña. Así llelo tería asegurado a ministra Reyes Maroto aos traballadores na comisión de seguemento. Pedro Sánchez deu onte por "garantido" o futuro das factorías da Coruña e Avilés.
O alcalde de Rábade anuncia a impugnación do censo electoral da localidade para as municipais. O municipio lucense foi un dos sinalados pola Oficina do Censo Electoral por un incremento "sospeitoso" no número de potenciais votantes para as xerais. No caso do 28A o partido do rexedor non pode impugnar o censo porque non concorre aos comicios, pero confirma que o Concello fixo as xestións correspondentes.
O comisario e xefe dos Tedax no 11-M asegura no décimo quinto aniversario dos atentados islamitas que o Goberno de Aznar lle pediu "que asumise a súa mentira" sobre os ataques. Afírmao nunha entrevista en El País. Na imaxe, monumento ás vítimas na contorna da estación madrileña de Atocha, un dos albos dos atentados
Un home mata a súa muller en Valga cun disparo de escopeta e logo suicídase. O pasado venres, unha veciña de Sober foi asasinada tamén polo seu marido.