A neurocientífica de Bretoña Sonia Villapol, profesora do instituto Methodist de Houston e da universidade Weill Cornell de Nova York, envía dende Houston esta mensaxe, difundida pola Deputación de Lugo, na que anima a ficar na casa e a que a cidadanía teña "confianza" no traballo dos investigadores, que levará a contar "dentro de pouco" cunha "vacina eficaz". Hai uns días escribía neste artigo que para dar coa vacina "hai que unir forzas, e cantas máis cabezas traballando, chegarase antes"
Fálase
Dende as 10 da mañá, a Deputación Permanente do Parlamento aborda as comparecencias do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e da conselleira de Educación, Carmen Pomar; ambas, a respecto do coronavirus. As comparecencias non son as solicitadas pola oposición nas últimas semanas. Pódese seguir a sesión ao vivo nesta ligazón. O máis destacado do debate, hoxe en Praza.gal.
O Congreso debate esta mañá a nova prórroga do estado de alarma polo coronavirus, tras a solicitude aprobada onte polo Consello de Ministros. Pódese seguir na retransmisión ao vivo ofrecida pola Cámara Baixa. O Parlamento de Galicia tamén celebra esta mañá sesión da Deputación Permanente, coa comparecencia dos titulares de Sanidade e Educación.
O xulgado de Cangas arquiva a denuncia de familias de persoas falecidas co coronavirus na residencia DomusVi de Aldán. A xuíza considera que non existen "indicios suficientes da perpetración de delito" porque a denuncia "só refire (...) datos xa coñecidos, publicados tanto pola Administración como polos medios" sobre a falta de materiais de protección e persoal e sen feitos "concretos" dabondo para un "proceso de carácter penal".
A ampla información diaria que ofrece o Goberno do Principado de Asturias sobre o coronavirus sinala os concellos lindeiros con Galicia, con municipios rurais e escasa densidade de poboación, como os de menor incidencia da doenza no seu territorio.
Primeiro falecido nas estradas galegas tras máis dun mes sen accidentes mortais. Un home de 30 anos morreu en Rodeiro a pasada medianoite tras atropelar un xabarín. O anterior accidente mortal producírase o domingo 15 de marzo,ás poucas horas de comezar o estado de alarma, cando unha muller saía da vía nas proximidades do aeroporto de Alvedro.
O Goberno de España prorroga ata o 15 de maio o peche de fronteiras polo coronavirus. O BOE publica hoxe a orde, na que varían algunhas excepcións, como detalla Civio nesta ligazón. Portugal xa avanzara a mesma medida hai uns días ata as 0:00 horas do 14 de maio.
O Tribunal Supremo require o Ministerio de Sanidade para que "adopte todas as medidas ao seu alcance" para a "mellor distribución" dos equipos de protección do persoal sanitario fronte ao coronavirus. Faino no marco do proceso emprendido polo sindicato médico CESM, que pedía medidas cautelares máis estritas para "todos os centros sanitarios". Pódese consultar o pronunciamento do Tribunal nesta ligazón.
A Conferencia Episcopal Española contradí o Papa e a entidades como Cáritas e oponse a un ingreso minímo vital estable como o que prepara o Goberno central, cuxa tramitación está a acelerar por mor do coronavirus.
Cancelado o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, que non volverá ata 2021. A organización decide suspender o histórico certame ante a "situación de dificultade e incerteza" provocada pola crise do coronavirus.