O contro #euquedonacasa, publicado en Vinte, xa ten vídeo. Foi realizado polo grupo familiar da aula de 4 e 5 anos da Escola Rosalía de Castro (Taragoña) do Cra de Rianxo. "Gostamos moito del e decidimos facer, dende as nosas casas, unha 'lectura' compartida", explican. A historia para crianzas en confinamento foi escrita por Ramón Veiga e ilustrada por Iván R.
Fálase
Suspendida a Festa do Boi de Allariz por mor do coronavirus. Nun comunicado, a Asociación Xan de Arzúa e o Concello de Allariz explican que "é un exercicio de responsabilidade" suspender a festa que seía desenvolver do 6 ao 14 de xuño. "A opción máis responsable é facer unha paréntese e agardar a que pase esta situación para analizar posibles alternativas que nos permitan manter o recordo da Festa do Boi 2020", sinalan. (Imaxe: Concello de Allariz)
Comeza a distribución de máscaras sanitarias no primeiro día de reinicio da actividade laboral considerada non esencial en virtude da nova fase do estado de alarma polo coronavirus. O reparto está a realizarse no transporte público e en lugares de acceso a centros de traballo. Nas imaxes, divulgadas pola Delegación do Goberno central en Galicia, repartos na Coruña, Lugo, Vigo e Ourense. "O uso de máscara non é obrigatorio, pero si recomendable, e por iso repartimos 602.000 en Galicia", sinala o delegado gobernamental, Javier Losada.
As obras en edificios habitados seguirán prohibidas coa volta este luns de parte dos traballos non esenciais fundamentalmente na industria e a construción. Así se establece nun BOE publicado a última hora deste domingo.
Pedro Sánchez afirma que o "confinamento xeral" segue sendo a regra e que se manterá durante dúas semanas máis, cando menos, rematando este luns unicamente "a medida extrema da hibernación económica". O presidente do Goberno central anuncia que as medidas "avanzarán" se a situación segue mellorando, e sinala que "a desescalada será progresiva e moi cautelosa". Sánchez pediu tamén "unidade" fronte ás críticas da oposición e dalgúns presidentes autonómicos.
Alberto Núñez Feijóo pídelle ao Goberno central "clarificar os datos de afectados polo coronavirus", para o que é "imprescindible" saber cantos test se están a realizar en cada comunidade e diminuír as incertezas no tocante ao número de falecidos, sinala. Ademais, solicita acceder ás previsións do comité clínico estatal e aos datos do estudo epidemiolóxico que se está a realizar. Finalmente, reclama establecer un protocolo de utilización das máscaras faciais.
A Sociedade Española de Medicina de Familia e Comunitaria (semFYC) estima que preto do 2% da poboación presenta ou presentou síntomas de padecer o coronavirus. A entidade realizou unha enquisa entre un milleiro de profesionais que revelou que case un millón de persoas foron atendidas con estes síntomas e subliña a importancia da atención primaria na atención a estes pacientes e para "desestresar" o sistema hospitalario.
A federación de asociacións culturais Galiza Cultura propón que a RAG alongue ao ano 2021 a dedicación do Día das Letras Galegas a Ricardo Carvalho Calero, co obxectivos de manter as actividades previstas nos centros de ensino, sector da edición, medios de comunicación e noutros ámbitos. A medida estaría "máis que xustificada polo excepcional e grave da situación que estamos a padecer", sinala. O coronavirus obrigou xa á RAG a trasladar ao 31 de outubro o pleno do Día das Letras
Os hospitais de Santiago e Ferrol forman parte do primeiro ensaio clínico para previr a COVID-19 no persoal sanitario. Durante catro semanas participarán 4.000 profesionais de todo o Estado e comprobarase a eficacia de tres posibles tratamentos contra o coronavirus, entre eles a hidroxicloroquina e antirretrovirais usados para combater o VIH.
Edicións Laiovento convida a descargar de balde 3 dos seus libros. Mentres dure o confinamento pola pandemia, na web da editorial poderase acceder a Os borbóns, unha monarquía escandalosa (Manuel Monge), Os monos de Laxeiro (Laxeiro) e A saúde como negocio (Pablo Vaamonde)