As obras en edificios habitados seguirán prohibidas coa volta este luns de parte dos traballos non esenciais fundamentalmente na industria e a construción. Así se establece nun BOE publicado a última hora deste domingo.

As obras en edificios habitados seguirán prohibidas coa volta este luns de parte dos traballos non esenciais fundamentalmente na industria e a construción. Así se establece nun BOE publicado a última hora deste domingo.
Pedro Sánchez afirma que o "confinamento xeral" segue sendo a regra e que se manterá durante dúas semanas máis, cando menos, rematando este luns unicamente "a medida extrema da hibernación económica". O presidente do Goberno central anuncia que as medidas "avanzarán" se a situación segue mellorando, e sinala que "a desescalada será progresiva e moi cautelosa". Sánchez pediu tamén "unidade" fronte ás críticas da oposición e dalgúns presidentes autonómicos.
Alberto Núñez Feijóo pídelle ao Goberno central "clarificar os datos de afectados polo coronavirus", para o que é "imprescindible" saber cantos test se están a realizar en cada comunidade e diminuír as incertezas no tocante ao número de falecidos, sinala. Ademais, solicita acceder ás previsións do comité clínico estatal e aos datos do estudo epidemiolóxico que se está a realizar. Finalmente, reclama establecer un protocolo de utilización das máscaras faciais.
A Sociedade Española de Medicina de Familia e Comunitaria (semFYC) estima que preto do 2% da poboación presenta ou presentou síntomas de padecer o coronavirus. A entidade realizou unha enquisa entre un milleiro de profesionais que revelou que case un millón de persoas foron atendidas con estes síntomas e subliña a importancia da atención primaria na atención a estes pacientes e para "desestresar" o sistema hospitalario.
A federación de asociacións culturais Galiza Cultura propón que a RAG alongue ao ano 2021 a dedicación do Día das Letras Galegas a Ricardo Carvalho Calero, co obxectivos de manter as actividades previstas nos centros de ensino, sector da edición, medios de comunicación e noutros ámbitos. A medida estaría "máis que xustificada polo excepcional e grave da situación que estamos a padecer", sinala. O coronavirus obrigou xa á RAG a trasladar ao 31 de outubro o pleno do Día das Letras
Os hospitais de Santiago e Ferrol forman parte do primeiro ensaio clínico para previr a COVID-19 no persoal sanitario. Durante catro semanas participarán 4.000 profesionais de todo o Estado e comprobarase a eficacia de tres posibles tratamentos contra o coronavirus, entre eles a hidroxicloroquina e antirretrovirais usados para combater o VIH.
Edicións Laiovento convida a descargar de balde 3 dos seus libros. Mentres dure o confinamento pola pandemia, na web da editorial poderase acceder a Os borbóns, unha monarquía escandalosa (Manuel Monge), Os monos de Laxeiro (Laxeiro) e A saúde como negocio (Pablo Vaamonde)
O persoal mobilizado da CRTVG reivindica a creación dun Consello de Informativos, "máis preciso ca nunca en ausencia de control parlamentario". Defende A Galega protesta no 99ª venres negro contra a manipulación informativa que a pasada semana denunciou toda a oposición, que emitiu un comunicado conxunto.
Unha cazolada impulsada pola CIG esixe "pago de salarios e prestacións, protección social plena e seguridade para quen traballa" nesta crise polo coronavirus.
O Aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro xa figura co seu novo nome na web de AENA despois de que hai unha semana o BOE fixese oficial a denominación, pedida por unanimidade polo Concello de Santiago hai máis de tres anos.