Os hospitais de Santiago e Ferrol forman parte do primeiro ensaio clínico para previr a COVID-19 no persoal sanitario. Durante catro semanas participarán 4.000 profesionais de todo o Estado e comprobarase a eficacia de tres posibles tratamentos contra o coronavirus, entre eles a hidroxicloroquina e antirretrovirais usados para combater o VIH.
Fálase
Edicións Laiovento convida a descargar de balde 3 dos seus libros. Mentres dure o confinamento pola pandemia, na web da editorial poderase acceder a Os borbóns, unha monarquía escandalosa (Manuel Monge), Os monos de Laxeiro (Laxeiro) e A saúde como negocio (Pablo Vaamonde)
O persoal mobilizado da CRTVG reivindica a creación dun Consello de Informativos, "máis preciso ca nunca en ausencia de control parlamentario". Defende A Galega protesta no 99ª venres negro contra a manipulación informativa que a pasada semana denunciou toda a oposición, que emitiu un comunicado conxunto.
Unha cazolada impulsada pola CIG esixe "pago de salarios e prestacións, protección social plena e seguridade para quen traballa" nesta crise polo coronavirus.
O Aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro xa figura co seu novo nome na web de AENA despois de que hai unha semana o BOE fixese oficial a denominación, pedida por unanimidade polo Concello de Santiago hai máis de tres anos.
O militar galego Marco Antonio Santos Soto, Republicano de Honra 2020. O cabo, que fora expulsado do Exército por asinar un manifesto antifranquista, é recoñecido pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña. "Foi expulsado por apoiar os valores democráticos da Constitución española e por denunciar o enquistamento da ideoloxía franquista nunha institución que debería defender eses valores", di a entidade.
A UE permitirá rescatar con diñeiro público empresas en crise polo coronavirus. A medida busca tamén "evitar a adquisición hostil de firmas estratéxicas por parte de compradores estranxeiros", segundo explica Bruxelas.
A organización d'O son do Camiño aclara que "segue pendente" da evolución da pandemia e non tomou aínda unha decisión sobre o mantemento ou adiamento das datas do festival, que dependerán do que aconteza co estado de alarma. "Lamentamos profundamente que informacións que non parten da organización de O Son do Camiño poidan xerar incerteza e intranquilidade", indican nun comunicado as empresas promotoras.
Un grupo investigador galego consegue financiamento do Instituto de Saúde Carlos III para traballar nunha vacina fronte á COVID-19. O equipo dirixido por José Martínez Costas na USC traballa cunha metodoloxía propia patentada dende a propia universidade, "que permite producir vacinas contra calquera patóxeno nunha marxe moi reducida de tempo e a baixo custo".
O Congreso está a debater esta mañá a segunda prórroga do estado de alarma polo coronavirus. Pedro Sánchez expón na sesión os plans do Goberno central para levantar gradualmente o confinamento.