Mobilización ante a sede da Consellería de Sanidade contra o plan do Sergas para atención primaria. Os sindicatos CIG, CSIF, CCOO e UGT chaman á folga do vindeiro día 26 e o sindicato de enfermaría SATSE convoca outro paro para o 4 de decembro.
Mobilización ante a sede da Consellería de Sanidade contra o plan do Sergas para atención primaria. Os sindicatos CIG, CSIF, CCOO e UGT chaman á folga do vindeiro día 26 e o sindicato de enfermaría SATSE convoca outro paro para o 4 de decembro.
O Ministerio de Cultura inicia os trámites para declarar a Ponte de Cruzul, en Becerreá, como Ben de Interese Cultural. A ponte foi proxectada polo enxeñeiro francés Lemaur no século XVIII por orde de Carlos III e foi fundamental na comunicación de Lugo, A Coruña e Ferrol coa Meseta a través do Camiño Real e, posteriormente, a N-VI, que tamén o empregou ata os anos 60 do pasado século, cando se construíu unha nova ponte.
Trátase da única ponte neoclásica da provincia de Lugo, conta con tres arcos de medio punto de 12 metros de diámetro, una altura total de 29,20 metros e unha lonxitude de 93 metros. Acadou unha grande importancia estratéxica na Guerra de Independencia contra o exército de Napoleón. Imaxe: Estevoaei (CC-BY-SA)
Morre Julio Fernández, fundador de Filmax, aos 78 anos de idade. Nacido na Fonsagrada en 1947 e emigrado en Cataluña, converteu unha pequena distribuidora nunha produtora con varias divisións (Filmax, Castelao, Bren, Fantastic Factory) e máis dun cento de películas. Recibiu a Medalla Castelao e foi presidente da Asociación de Empresarios Galegos de Cataluña e presidente de honra do Cluster Audiovisual Galego.
Detido o presidente da Deputación de Almería pola compra irregular de máscaras contra a COVID. Xunto co presidente, Javier Aureliano, tamén foron detidos o seu vicepresidente e un alcalde, todos do PP. [Imaxe: Deputación de Almería]
A actriz María Vázquez gaña o XXIII Premio Ramón Piñeiro Facer País, que concede a Asociación Cultural Val de Láncara. "Representa con claridade os valores do premio: a defensa activa da lingua galega, o compromiso coa cultura galega, a posta en valor do rural e a proxección internacional do noso país desde unha óptica propia e sen renuncias", salienta a organización do galardón, que deu a coñecer o seu ditame este luns no Consello da Cultura Galega. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, eloxia o Premio Ramón Piñeiro como "un modelo de pluralidade e de traballo pola cohesión do territorio". A protagonista de Matria recibirá a distinción o vindeiro día 29 na Pobra de San Xiao de mans da anterior premiada, Yolanda Díaz Gallego. Na imaxe, María Vázquez durante unha entrevista no Vinte Almorzando de VINTE.
CIG-Saúde amplía aos días 27 e 28 de novembro a folga na atención primaria prevista para o día 26. O sindicato maioritario na sanidade galega di que toma a decisión "despois de escoitar a súa afiliación" e para "expresar o malestar das traballadoras e traballadores coa situación actual e demandar a Sanidade a posta en marcha de medidas concretas" para paliar os seus problemas. O sindicato O'Mega xa convocara folga para eses mesmos tres días.
Miles de manifestantes, en Belém, contra o "racismo ambiental". Unhas 70.000 persoas, segundo a organización, participaron este sábado na manifestación convocada en Belém (Brasil) contra a 30ª Conferencia das Partes de Nacións Unidas Contra o Cambio Climático (COP30), convocada polo Cumio dos Pobos baixo a lema 'Desde o Amazonas para o mundo: Fin da desigualdade e do racismo ambiental. Xustiza climática xa'.
Imaxe [@Lubertino]
Pontón defende un aumento do 50% no financiamento para facilitar o retorno da colectividade galega na emigración. “Galiza é un país de acollida e cun gran potencial que precisa man de obra en moitos dos nosos sectores produtivos: no sector mar-industria, no sector agrogandeiro, no sector da construción e dos servizos. E desde o BNG propoñemos unha Galiza aberta e inclusiva, onde todos os galegos da emigración son benvidos”, subliñou no centro Galiza de Bos Aires.
Besteiro chama a erguer Galicia fronte á onda reaccionaria. O secretario xeral do PSdeG abriu o Comité Nacional Galego cunha mensaxe de alerta e esperanza ante un momento político “extraordinariamente difícil”, marcado polo avance da ultradereita, a crispación organizada e o aumento das desigualdades. E advertiu de que o avance da ultradereita en España e en Europa está arrastrando tamén ao PP “a posicións cada vez máis radicais”.
A pianista compostelá Isabel Dobarro gaña o Grammy Latino ao mellor álbum de música clásica por Kaleidoscope, no que percorre obras de compositoras contemporáneas de todo o mundo. Interpretarao o vindeiro día 26 no Auditorio de Galicia, en Santiago. Imaxe promocional da súa participación nos prestixiosos galardóns.