Tal día coma hoxe de hai 30 anos faltaba apenas un mes para as eleccións galegas. Manuel Fraga foi entrevistado en catalán nun espazo de humor de TV3 presentado por Jaume Perich, que o cuestionou sobre asuntos tan diversos como a URSS, as drogas, o alcol, as súas experiencias co amor ou a súa opinión a respecto da pornografía. A canle catalá recuperou hoxe o vídeo.
Fálase
A Xunta investiga outros catro pazos na provincia de Lugo pola posible celebración de vodas sen licenza. A Axencia de Turismo xa abriu expediente a varios establecementos logo de que o verán destapase moreas de irregularidades.
A neve dificulta a circulación en áreas montañosas da provincia de Lugo. A montaña lucense está hoxe en alerta laranxa por nevaradas. Na imaxe, a autovía A-6 en Pedrafita ás 9:13 desta mañá.
O reconto CERA e a revisión de erros en varias mesas resta un escano ao PNV por Biscaia, que vai para o PP. O PP queda así con 89 representantes no novo Congreso e o PNV, con 6, os que tiña ata agora. Esta mudanza suma un "non" seguro á investidura de Pedro Sánchez.
O Parlamento Europeo estudará se envía unha delegación á mina de Touro para investigar as denuncias sobre contaminación. A Comisión de Peticións da Eurocámara decide manter aberta a petición da rede Contraminacción e solicitar información á Xunta e ao Goberno central logo dunha visita a Bruxelas de activistas de diferentes plataformas contra a megaminería.
O PSdeG promove como senador por designación do Parlamento galego a Xoaquín Fernández Leiceaga, que coordinará o programa electoral do partido para as eleccións galegas. "O meu empeño fundamental vai ser seguir contribuíndo ao cambio
político en Galicia", di o tamén presidente dos socialistas galegos, ata agora voceiro parlamentario. Tras as novas xerais, a Cámara galega ten que volver designar tres postos no Senado; dous corresponden ao PP e un, ao PSdeG por volver ser segunda forza do lexislativo.PSOE e Unidas Podemos acordan un goberno de coalición con Pablo Iglesias de vicepresidente. Sánchez e o líder da formación morada comparecerán xuntos esta tarde. Velaquí o documento do pacto alcanzado polos dous partidos. Estamos a actualizar a información neste espazo
A enfermería eventual volve protestar ante hospitais e centros de saúde "contra a precariedade laboral". O colectivo Eventuais en Loita denuncia "contratos fraudulentos e vidas laborais interminables" e apoia a súa compañeira Alba, que sufriu ataques persoais desde o Sergas tras denunciar a situación destes profesionais na televisión.
Sánchez e Iglesias negocian desde o luns unha coalición para alcanzar axiña un acordo de goberno, segundo adianta eldiario.es. O PSOE ve máis doado sacar a investidura adiante malia perder apoios o 10N.
O avogado xeral da UE cre que a inmunidade de Junqueras como eurodeputado debería "resultar unicamente do voto dos electores" e considera que o Supremo debería terlle permitido adquirir a súa condición de europarlamentario.