Fariña emitiu onte o seu derradeiro capítulo, superando os dous millóns de espectadores/as en todo o Estado (13,3% de share) e cunha referencia na súa despedida ao secuestro do libro de Nacho Carretero. En Galicia a serie moveuse entre o 40% e o 46% da audiencia ao longo dos últimos meses.
Fálase
A oposición prepara unha ofensiva conxunta para arrebatarlle ao PP o control de RTVE, ante as manobras coas que os populares están a bloquear a renovación do ente.
"O Goberno español non estivo preparado para a paz", sinala Arnaldo Otegi en entrevista en eldiario.es, na que afirma estar "sorprendido" polo "nivel de crispación co que algúns saudaron a disolución de ETA"
O Constitucional suspende a reforma para permitir a investidura de Puigdemont. Os maxistrados deciden por unanimidade impedir a súa elección como presidente da Generalitat.
Feijóo presenta a declaración de tres festas de interese turístico que se celebran en inverno como exemplo da aposta do seu Goberno pola “desestacionalización do turismo”. O Consello da Xunta outorgou este mércores ese recoñecemento ás festas do butelo da Fonsagrada, do caldo galego de Mourente e da Semana Santa de Santiago.
Pablo Crespo, ex-número tres do PPdeG, suma 13 anos de condena a prisión na primeira sentenza firme do caso Gürtel, que vén de ditar o Supremo confirmando a condena sentenciada polo Tribunal Superior de Valencia en 2017. Debúllaa a edición valenciana de eldiario.es
Trump ratifica que racha o acordo nuclear con Irán, que o resto de asinantes tentarán manter malia á retirada dos EUA. Dende a Unión Europea a máxima responsable da política exterior, Federica Mogherini, aposta pola continuidade do acordo.
Arxentina pedirá o rescate ao FMI, segundo anunciou o presidente Macri, que culpa os gobernos anteriores do deterioro económico do país.
A entidade que reparte as bandeiras azuis das praias asigna 109 a Galicia, 4 menos que o pasado ano. A organización que as concede admite que espazos naturais fráxiles poden verse prexudicados por esta distinción, que a Xunta financia cuns 40.000 euros anuais.
O CIS mantén o PP como primeira forza en intención de voto cun 24%, pero apenas dous puntos por diante de Ciudadanos e o PSOE, aos que ubica nun empate técnico na contorna do 22%. A cuarta forza sería Unidos Podemos e as súas confluencias, con algo menos do 20%. Eldiario.es debulla as principais cifras do inquérito.