Hoxe haberá alerta laranxa no mar por fortes ventos e amarela en boa parte de Galicia por vento e chuvia. Na montaña de Lugo e Ourense a alerta avisa de acumuacións de neve superiores aos 5 centímentros por riba dos 1.200 metros.
Fálase
O Consello Xeral do Poder Xudicial comezará a recompilar os datos estatísticos de todas as mulleres asasinadas por violencia machista e non só as que se producen no ámbito da parella, cumprindo co fixado no Convenio de Estambul. Incluirá este novo criterio no informe que publicará nuns meses, referido ás vítimas de 2016.
Artur Mas dimite como presidente do PDeCAT: "Dou outro paso ao lado".
Este martes faleceu Bernardo Bastida, ex patrón maior da Confraría de Pescadores e Mariscadores de Ferrol. En 2007 foi detido por impedir -xunto cun grupo de mariñeiros e activistas en pequenas embarcacións- a entrada na ría do primeiro gaseiro con destino á planta de Reganosa. Foi condenado a 13 meses de cadea, aínda que finalmente evitou a prisión. En 2012 entrevistámolo días antes do xuízo aos mariscadores
A Xunta suspende para mañá as actividades no exterior dos colexios na Mariña e no Noroeste da Coruña por mor do temporal. A comisión escolar de alertas mantén vixente a actividade lectiva e o transporte escolar, pero unha vez máis deixa nas mans das direccións dos centros a posibilidade de cancelalos "no caso de que a situación meteorolóxica supuxese un risco superior ao declarado".
O xulgado de Ribeira arquiva as acusacións contra a esposa do asasino confeso de Diana Quer. O instrutor considera que "none xisten no momento actual indicios dabondo para dirixir o procedemento" contra ela. Inicialmente o xuíz consideraba que non podía ser desbotada a súa participación nos feitos.
O BOE publica a modificación do Regulamento de Circulación Ferroviaria que acelera as melloras de seguridade iniciadas tras o accidente de Angrois. Entre outras cousas, adianta a substitución do sistema Asfa analóxico polo dixital, que puido evitar o accidente do Porriño de hai ano e medio.
O PP reclama que o Concello de Lugo organice unha xura da bandeira española na cidade para responder á "crecente demanda" cidadá ao respecto. Recólleo El Progreso (Na imaxe, anuncio dun destes actos na Coruña).
O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo rexistra espera de ata seis horas en pacientes para ser atendidos en urxencias ao aumentar os casos de gripe. A situación repetiuse nos últimos días noutros centros hospitalarios galegos, coma o CHUAC coruñés, onde se denunciou "colapso", negado pola Xerencia.
Ciudadanos sitúase como terceira forza en intención de voto (18.6%) na enquisa de Celeste-Tel que publica eldiario.es. O PSOE sobe ata o 25,1% e o PP baixa do trinta por cento, mentres que Unidos Podemos cae ata o 16,9%.