'Currante'. Rap desde Lugo para reivindicar o traballo migrante. VINTE achégase ás músicas do rapeiro Omni Viktor, que vén de lanzar un videoclip gravado cos seus compatriotas no barrio lucense da Milagrosa.
Fálase
Unha multitudinaria Marcha polo Clima ateiga as rúas de Madrid baixo o lema "o mundo espertou". Na manifestación, alternativa ao cumio da ONU, participa tamén o Movemento Galego polo Clima, que xa mobilizou milleiros de persoas no país hai dous meses.
O persoal mobilizado da CRTVG pide á sociedade que se "implique" e reclame "uns medios públicos mellores" no 81º venres negro. "Non che gusta a información que ves sobre sanidade, sobre o paro, sobre protestas veciñais? Bérrao", di Defende A Galega, que reclama o cumprimento dunha lei de medios que leva máis de oito anos de atraso.
Galicia súmase ao canto contra o machismo das mulleres chilenas. Colectivos feministas levan a cabo a coreografía e cantan o tema que se espalla por todas as mobilizacións femininas na Coruña ou en Pontevedra.
O BNG rodea cunha cadea humana o Museo do Pobo Galego en defensa da autodeterminación nun acto simbólico co gallo do aniversario da Constitución española. Máis información, hoxe en Praza.gal.
Néstor Rego non acudirá á rolda de consultas co rei. A Executiva Nacional do BNG sinala nun comunicado que a decisión "non só parte da súa profunda convicción republicana e soberanista, senón tamén de avaliar moi negativamente o papel que a monarquía e a figura do Rei está a desempeñar no contexto actual". O deputado do Bloque fora convocado para a cita co Xefe do Estado o vindeiro día 10.
A Mesa lanza unha campaña para instar a Xunta a pechar un acordo con Movistar+ para subtitular e dobrar filmes e series ao galego, ao xeito do asinado polos gobernos vasco e catalán con esta plataforma. A iniciativa está apoiada pola Asociación Profesional de Actores e Actrices da Dobraxe de Galicia (APRADOGA) e a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e Interpretación (AGPTI).
O pleno da Deputación de Lugo aproba os Orzamentos de 2020 cos votos a prol de PSdeG e BNG e a abstención do PP. As contas roldan os 92 millóns de euros e priorizan demografía e emprego, subliñan dende o goberno da institución.
A Casa Real publica o calendario da rolda de consultas para a investidura. A cita de Néstor Rego (BNG) co xefe do Estado é o día 10 ás 11:45 e a de Yolanda Díaz (Galicia en Común), o mesmo día ás 18:15. Pedro Sánchez, Pablo Iglesias e Pablo Casado están citados para o día seguinte.
CCOO e CIG denuncian un novo despido por baixas médicas en Extel, que botou xa catro persoas e segue a prescindir de persoal invocando o artigo do Estatuto dos Traballadores que avalou o Constitucional hai unhas semanas. Os traballadores e traballadoras da empresa están chamados á folga o vindeiro día 9.