O xuízo aos líderes soberanistas cataláns entra hoxe na fase de declaracións das testemuñas con ex-dirixentes como Mariano Rajoy, Soraya Sáenz de Santamaría e Cristóbal Montoro. Podes seguir todas as sesións do xuízo ao vivo en Praza.gal

O xuízo aos líderes soberanistas cataláns entra hoxe na fase de declaracións das testemuñas con ex-dirixentes como Mariano Rajoy, Soraya Sáenz de Santamaría e Cristóbal Montoro. Podes seguir todas as sesións do xuízo ao vivo en Praza.gal
O Goberno central confirma a apertura de novos xulgados do Social en Santiago e Vigo e outro de primeira instancia na Coruña, segundo anunciou o delegado, Javier Losada. Do plan queda fóra o xulgado do Social de Lugo, demandado dende hai tempo na cidade; diante desta negativa a alcaldesa lucense, Lara Méndez, anuncia a solicitude dunha xuntanza coa ministra Dolores Delgado para reiterar a reclamación.
O TSXG confirma o despedimento nulo da ex-presidenta do comité de empresa de Sargadelos, Rogelia Mariña. O seu cesamento fora xa declarado improcedente pola Xustiza, polo que a compañía tivo que readmitila e o director xeral, Segismundo García, indemnizala con 30.000 euros por danos morais.
O Concello de Santiago aproba a carreira profesional do seu persoal e convértese no primeiro de Galicia en facelo. O goberno local acadou o acordo cos sindicatos CIG, CC.OO e CSI-F e mais co comité de empresa. O pacto inclúe cambios na avaliación do persoal municipal e mudanzas como a consideración dos sábados como xornadas festivas a efectos de remuneración.
A xuíza instrutora do accidente do Metro de Valencia ordena a apertura de xuízo oral contra oito directivos. Varias semellanzas con aquel sinistro de 2006 facían aínda máis evitable o de Angrois, ocorrido sete anos despois, e polo que está acusado un cargo de Adif que en Valencia actuou como perito exculpando á administración.
Greenpeace denuncia ante Fiscalía de Medio Ambiente de Galicia a "falta de controis" que eviten a entrada de madeira ilegal. A entidade ecoloxista, que leva meses alertando desta situación, critica que "o desleixo da Xunta" e "a complicidade dunha parte do sector forestal galego" converteu Galicia nunha das principais portas de entrada á UE
A Xunta confirma o nomeamento do novo director-xerente do 061, José Manuel Flores Arias, que presentara como provisional tras a marcha en novembro do anterior responsable, José Antonio Iglesias Vázquez. A crise aberta na dirección da fundación pública, investigada pola adxudicación das súas ambulancias e con conflitos laborais desde hai meses, supuxo tamén a substitución de dous dos seus tres directores de área.
Así funcionan os centros secretos onde Facebook manexa a censura de contidos. "Aquí permítese o fascismo e o acoso machista", di persoal que traballa neles. É unha investigación de eldiario.es
Abanca renuncia a lanzar unha OPA para facerse co control de Liberbank, a entidade que agrupou as antigas caixas de Asturias, Cantabria, Castilla-La Mancha e Extremadura. Así o vén de comunicar á CNMV, ante a que reitera a "boa fe" da operación coa que pretendía a súa expansión polo norte peninsular.
Josep Borrell será o candidato que encabezará a lista do PSOE ás eleccións europeas. O actual ministro de Exteriores xa fora o cartel dos socialistas nas europeas de 2004, tras as que presidiu a Eurocámara ata 2007.