Lucía C. Pan recibirá o Premio Chano Piñeiro do Ourense Film Festival (OUFF) ao talento e o emprendemento audiovisual por “representar dende a fotografía, o talento que aniña no audiovisual galego actual, na súa diversidade de formatos e a súa mestizaxe formal”. “É un premio tamén colaborativo, non só para os equipos de fotografia cos que traballo habitualmente. É un recoñecemento para o resto de departamentos fan forza con nós para construír novas narrativas e poder facer o que facemos”, salientou a premiada.
A directora de fotografía Lucía C. Pan (Cambre, 1984) é a primeira muller na historia en recibir tres premios Mestre Mateo á Mellor Dirección de Fotografía da Academia Galega do Audiovisual. En 2018 foi galardoada polo seu traballo no filme de ficción Dhogs, de Andrés Goteira; o seu segundo Mestre Mateo chegou pola primeira longametraxe de Xacio Baño, Trote; e nesta pasada edición dos premios acadou o terceiro polo filme ¿Qué hicimos mal?, de Liliana Torres.
