VÍDEO | Eu teño fame de regueifar! O concurso Enreguéifate chega aos seus últimos tres días. O certame, promovido polo departamento de lingua do Concello de Santiago, aposta por recuperar este xénero como vehículo para potenciar o uso do galego.
Fálase
O xefe de persoal da Deputación de Ourense, citado nun caso de presunta fraude en cursos de formación, segundo adianta Faro de Vigo. O tamén alcalde de Monterrei foi imputado en 2016 na investigación contra José Manuel Baltar polo suposto ofrecemento dun emprego a cambio de sexo e en xuño dese ano o presidente da Deputación ourensá nomeou unha directora que controla o seu traballo.
A Xunta convoca formalmente o 'referendo' solicitado polo Concello de Silleda sobre o traslado da casa consistorial. A consulta popular celebrarase o vindeiro 4 de xuño
O plan para sinalizar bateas anunciado por Portos en 2015 iniciarase en xuño. Prevense instalar 98 novas balizas, incluíndo os vértices dos polígonos de mexillóns. Cóntao o Faro de Vigo. O golpe dun pesqueiro contra unha batea vén de provocar tres mortos nun novo sinistro no mar.
Unha folga xeral no Brasil desafía as reformas do Goberno de Temer. Os sindicatos logran o apoio da Igrexa á protesta contra as mudanzas das leis laborais e o recorte nas pensións.
Trump alerta dun posible conflito "moi grave" con Corea do Norte e advirte que a mediación de China podería fracasar.
Ferido un axente forestal que traballaba no operativo de extinción dun incendio no Incio. O traballador "sufriu un accidente co seu vehículo todo terreo" nunha pista forestal, segundo informa o 112, que indica que "a vítima foi evacuada en helicóptero medicalizado" ao hospital. Este incendio afecta a máis de 20 hectáreas de monte, segundo Medio Rural. (Imaxe tomada pola Brif de Laza).
VÍDEO | O concurso Youtubeir@s achégase á súa fase final recibindo vídeos como este tutorial para "facer patacas de bolsa caseiras". O prazo de recepción de vídeos deste proxecto, concibido para espallar a lingua galega no popular portal de vídeos, remata este 28 de abril. Podes repasar aquí unha ducia dos vídeos participantes.
“O hospital de Ferrol non podía seguir así”, di Feijóo ao anunciar a ampliación nun 35% da superficie do Arquitecto Marcide con dous novos edificios. “Lamento non ter diñeiro para actuar antes”, engadiu o presidente, quen nos últimos anos veu reiterando que Galicia goza na actualidade de "máis sanidade pública ca nunca".
Bruxelas leva a España ante a xustiza polas cláusulas abusivas da banca. A Comisión repróchalle que non aprobara aínda a reforma hipotecaria.