O Goberno de Rajoy prevé chegar ao remate da lexislatura con prórrogas sucesivas dos orzamentos de 2017. Así o admitiu o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, nunha conversa con xornalistas no Congreso. Cóntao eldiario.es
Fálase
Un grupo de viandantes pide intervención policial ao sentírense ofendidos polas brincadeiras dos Merdeiros, figura tradicional do Entroido de Vigo. Cóntao Vigoé. Mentres, en Santiago, o PP censurou o contido do pregón do Entroido, interpretado polo actor Carlos Santiago, ao consideralo "ofensivo".
Dimite o xefe de Oftalmoloxía do Hospital de Pontevedra polo colapso na espera para operacións de cataratas. Consulta aquí toda a información
Martín Ríos, suízo de orixe galega, proclámase subcampión olímpico de curling nos Xogos de PyeongChang. O deportista é fillo de emigrados do Carballiño e mantén a familia no Milladoiro.
O PP cae ao seu peor resultado desde as eleccións xerais mentres PSOE e Ciudadanos seguen a subir e Unidos Podemos volve perder votos. Son os resultados dunha enquisa para eldiario.es.
Falece Suso Mosquera, secretario xeral de UGT-Galicia entre 1980 e 2005 e presidente desde aquela da Fundación Luis Tilve. O sindicato informa do seu pasamento na Coruña aos 74 anos de idade e de que os seus restos serán velados no Tanatorio Servisa desa cidade. Aquí ampliamos a información.
A representación no Teatro da Zarzuela de Madrid da obra Maruxa está a recibir apupos dunha parte minoritaria do público no momento en que recrea a recollida de chapapote do Prestige, conta El País.
A DGT admite retencións en Rande esta mañá polas obras pendentes mes e medio despois da inauguración e que o ministro de Fomento anunciara en horario nocturno para minimizar o seu impacto. O corte ao tráfico de parte dos carrís mantívose tamén en horario diurno.
O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos condena a España por maltrato policial aos autores do atentado de ETA no aeroporto madrileño de Barajas, no que morreron dúas persoas. Recólleo eldiario Norte
Xuristas e penalistas de todo o Estado asinan un manifesto conxunto contra a cadea perpetua revisable e o endurecemento desta condena que impulsa o Goberno central. O texto impulsado polo Grupo de Estudos de Política Criminal ten participación galega, como a do voceiro de Xuízas e Xuíces para a Democracia, Xermán Varela.