Unha ducia de bandas galegas no Festival Noroeste da Coruña

Concerto das Bala, nunha imaxe de arquivo © Bala

O Festival Noroeste da Coruña quere volver neste 2021 tras a cancelación de hai un ano, cando o incremento de casos de coronavirus na cidade propiciou a cancelación dunha versión reducida do evento, adaptada ás restricións da pandemia. Esa versión adaptada é a que prevé regresar do 6 ao 8 de agosto deste 2021 con catro escenarios e vinte e cinco concertos, entre eles dunha ducia de artistas e bandas galegas.

Mar Martin Trío (13h) e Sound Sisters (19h) abren o 6 de agosto no escenario do Campo da Leña unha trixésimo cuarta edición do Festival Noroeste que continúa nesa mesma xornada no escenario Jaime Manso, no parque de Santa Margarida, con Combo Paradiso (20h) e Rulo y la Contrabanda (22:30h). O escenario Nonito Pereira, na Praza de María Pita, inaugurarano ese mesmo día Los Zigarros (20h) e Triángulo de Amor Bizarro (22:30h). No parque Europa, o comezo do festival será para Bastards (20h) e Bala (22:30)

Concerto de Baiuca © Baiuca

O sábado, 7 de agosto, no Campo da Leña estarán Ataque Escampe (13h) e Chasis (19h) e tamén ás 13h comezará a música en María Pita con Alice Wonder (13h) para continuar con Javiera Mena (20h) e Cimafunk (22:30). En Santa Margarida, o sábado é a quenda para Zahara (20h) e Lina e Raül Refree (22:30) mentres, no Parque Europa, os protagonistas serán Víctor Coyote (20h) e Tito Ramírez (22:30).

Na terceira e última xornada deste Festival Noroeste compacto, Bush Doctors porán a música na sesión vermú do Campo da Leña ás 13h do domingo e, á mesma hora, The Soul Jacket estarán en María Pita, onde pola noite soarán Mujeres (20h) e Marlango (22:30h). Baiuca (20h) e Morgane JI (22:30h) subirán ao escenario de Santa Margarida e no Parque Europa, DL Blando (20h) e Ptazeta (22:30).

Sinala a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, que xunto á adaptación ás medidas da COVID, o Festival Noroeste do 2021 quere manter a "expansión polos barrios" e "abarcar unha amplitude de estilos" que pretende ser tamén un "punto de inicio dun gran proxecto que queremos que sexa un dos elementos clave da unión de cultura, comercio, cidadanía e turismo" na cidade. "Trátase dun cartel de calidade e equilibrado que procura chegar a públicos con
gustos musicais moi dispares", di.

Ataque Escampe Dominio Público Praza Pública

Entre as normas COVID do festival figura a obriga de reservar entradas no sitio web do Noroeste dende tres días antes do comezo do festival. Explica o Concello coruñés que o acceso aos concertos será tras "a retirada previa de código QR para todas as sesións do día". "Establecerase tamén un rexistro de datos persoais e, cos códigos das entradas, "poderase acceder ao recinto até 15 minutos antes do inicio do primeiro espectáculo. Despois, o acceso será por rexistro físico na porta até completar a capacidade".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.