A entidade naceu en 2007 como espazo de información sobre dereitos sociais. Pero fixo moito máis: traballou na visibilización e na denuncia das situacións de empobrecemento e serviu para artellar "respostas colectivas fronte ao capitalismo"
En setembro de 2007 botaba a andar a Oficina de Dereitos Sociais de Coia (ODS-Coia) cando o despacho da traballadora social que viña funcionando na parroquia do Cristo da Vitoria de Coia transformouse nun punto de información sobre dereitos sociais. Dende entón e durante 16 anos a ODS de Coia veu realizando un labor imprescindible para moitas persoas, facilitando o seu acceso a axudas sociais e outros dereitos. Pero fixo moito máis: durante case dúas décadas esta entidade traballou na visibilización e na denuncia das situacións de empobrecemento e serviu para artellar "respostas colectivas fronte ao capitalismo", como destaca na súa web.
Esta semana a ODS de Coia anunciou nun comunicado que vai rematar a súa actividade, explicando que "uns últimos cursos con menor actividade e forzas, fixeron que pensaramos que o mellor era botar o peche". Con todo, destacan que pechan "para pensar e comezar outras iniciativas". E subliñan que "os motivos que nos levaron a iniciar a ODS-Coia seguen, por desgraza, moi presentes: veciñas que non chegan a fin de mes, políticas sociais miserentas e que apestan a control social, illamento e soidade, prezos da vivenda elevadísimos, desinformación..."
Remata a súa actividade tras "uns últimos cursos con menor actividade e forzas" pero chama a atoparse en novos movementos: "sabedes quen somos e onde atoparnos"
Nos seus 16 anos de actividade, a ODS-Coia destacou na súa loita por avanzar na conquista de dereitos e de accións públicas que permitisen unha mellora no benestar da cidadanía e no cumprimento das medidas existentes. "Tentamos ofrecer información alternativa sobre axudas sociais, denunciar e visualizar a dor inflixida e artellar loitas/resistencias dende abaixo por medio do apoio mutuo", sinalaban. Destaca especialmente o impulso que dende este barrio de Vigo se deu ás propostas de creación dunha renda básica universal que permita "vidas dignas" a todas as persoas.
Destaca especialmente o impulso que dende este barrio de Vigo se deu ás propostas de creación dunha renda básica universal que permita "vidas dignas" a todas as persoas
A ODS naceu como resultado dun proceso previo de "vivencias e reflexións que ían xurdindo dos anos de loitas veciñais, de vida comunitaria, de contacto coa dor provocada polos diferentes poderes e de relacións con grupos/persoas opostos ao capitalismo", destacan. A súa principal referencia no comezo foi o traballo de entidades como Berri-Otxoak, plataforma contra a exclusión e polos dereitos sociais de Barakaldo e da coordinadora Baladre.
Dende o inicio mantiveron unha colaboración constante en Vigo co Grupo de Axitación Social (G.A.S.) e coa comunidade do Cristo da Vitoria, aínda que a súa aposta polo traballo en rede afianzou os seus contactos con entidades e movementos de toda Galicia e do resto do Estado. Neste senso, salientan no seu comunicado de despedida que "agradecemos o agarimo de moitas persoas e grupos cos que coincidimos na loita. Para nós foi un gustazo tecer lazos, facer comunidade con xentes diversas".
"Agradecemos o agarimo de moitas persoas e grupos cos que coincidimos na loita. Para nós foi un gustazo tecer lazos, facer comunidade con xentes diversas"
"Estamos fartas de discursos e de 'clics', pero escasas de experiencias corpóreas, de xuntarnos", dicía nesta entrevista Diego Lores, da Asemblea Aberta de Coia, acusado de agredir un policía municipal nunha protesta veciñal contra a instalación dun barco nunha rotonda do barrio cando eran outras as prioridades e as necesidades da veciñanza.
"Alén das persoas e colectivos que fican gardados na nosa memoria estamos moi fachendosas dos numerosos actos, manifestacións, xuntanzas, asembleas, charlas... nas que participamos", din. E destacan especialmente "os anos das asembleas dos martes" e tamén o lanzamento da Guía de Axudas Sociais. Igualmente, fan fincapé na importancia do traballo desenvolvido a prol do establecemento dunha renda básica das iguais, unha proposta que na última década foi gañando apoios e que pasou a estar no centro da axenda de moitas organizacións.
"Foron anos de moito sufrimento e carraxe ao ver a moitas compas padecer a violencia institucional e a pobreza, mentres os cartos e recursos de todas desprazábanse cara os de sempre", din
"Nacemos coa vontade de ofrecer información alternativa sobre axudas sociais, visualizar/denunciar o empobrecemento e artellar respostas colectivas fronte ao capitalismo", destacan e conclúen que "podemos dicir que os obxectivos foron máis que cumpridos". Porén, engaden que "sabemos que diante temos forzas moi poderosas que seguen pulando por cada vez máis anaco do pastel sen lle importar que cada somos máis as privadas duns mínimos para a vida". E inciden en que "foron anos de moito sufrimento e carraxe ao ver a moitas compas padecer a violencia institucional e a pobreza, mentres os cartos e recursos de todas desprazábanse cara os de sempre".
No seu comunicado despídense cun lema que estivo moi presente na súa traxectoria e nas súa reivindicacións: Vivir dignamente é un dereito” e rematan dicindo que "botamos o peche pero moitas sabedes quen somos e onde atoparnos", facendo un chamamento a atoparse en novas loitas e novos movementos.