"Satisfeitos de que o xuíz faga responsable non só ao maquinista, senón tamén ao director de Seguridade de Adif" no momento do accidente, pero no marco dunha decisión "insuficiente" que van recorrer. Despois de que o xuíz do caso Angrois ditase por terceira vez o peche da instrución xudicial, mantendo o condutor do tren sinistrado e un cargo do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias como acusados, a Plataforma Víctimas Alvia 04155 ve constatadas nese auto parte das teses que defenderon no proceso, pero botan un elemento en falta: inculpar á Renfe.
A Plataforma Víctimas Alvia 04155 aplaude que o xuíz "deixe claro que existía un risco na curva" que non foi avaliado segundo obriga a normativa e volve ver certificada a necesidade dunha nova investigación técnica sobre o sinistro que sexa independente
O auto, aplauden, "deixa meridianamente claro que existía un risco na curva" e que Adif "non realizou a análise de riscos á que obrigaba a normativa en dúas ocasións". Non obstante, confirman, "recorrerémolo" porque ven claro que tamén "existen responsabilidades por parte de Renfe", toda vez que a operadora do tren "tiña constancia por escrito dun aviso dun xefe de maquinistas sobre a perigosidade da curva" e "non actuou en consecuencia". [A alerta sobre o risco de Angrois que chegou a dez técnicos de Renfe e algún nin leu]
A normativa europea vixente, resaltan, obriga a Renfe a "contar con procedementos para detectar os riscos", tales como "a comunicación por teléfono que foi desencadeante do despiste do maquinista", como reflicte o auto do xuíz. Ademais, lamentan que o instrutor non "aclare" o que consideran "un feito gravísimo: saber se é certo que se produciu o borrado das avarías do tren por parte de Talgo", con independencia de que este aspecto "non teña relevancia penal".
Alén desas discrepancias polo que consideran "insuficiente" o pronunciamento do xuíz, o colectivo de afectados polo accidente no que morreron 80 persoas e outras 144 resultaron feridas ve neste auto unha nova ratificación de que a investigación técnica oficial sobre o sinistro -desenvolvida pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF)- non só non foi independente, como xa certificaron a Audiencia Provincial da Coruña e a Comisión Europea. Senón que tamén queda "invalidada".
É por iso que a plataforma se dirixe outra volta ao Goberno de España. Primeiro, para pedirlle outra volta unha xuntanza -"hai dous anos que solicitamos unha reunión ao ministro [de Transportes] Ábalos, máis dun dende que a solicitamos ao presidente Pedro Sánchez e nove meses ao vicepresidente Pablo Iglesias", lembran-. Despois, para reclamarlle que destitúa os membros da CIAF e impulse unha nova investigación, desta volta independente, e "cese a Andrés Cortabitarte", o cargo de Adif a quen o xuíz atribúe presuntos delitos de homicidio e lesións por imprudencia, que "aínda ocupa un posto de libre designación" nesta empresa pública.
O BNG reitera en Bruxelas que cómpre a pescuda independente
Tras a publicación do auto co que o xuíz opta por pechar o caso por terceira vez houbo xa tamén reaccións en clave política por parte da voceira do BNG nas institucións europeas, Ana Miranda. Tras volveren quedar como acusados o maquinista e o devandito cargo do Adif, Miranda volve ver claro que "a única vía que ten interese por chegar até o final é Europa". [A UE revela que investiga se España avalía ben os riscos ferroviarios, cuestión clave na causa xudicial por Angrois]
Ana Miranda non cre "atinado" o peche da causa ata que se realice a investigación independente que tamén reclama a Comisión Europea
"Seguimos pensando que hai responsabilidades políticas no accidente" que van alén dos sinalados polo xuíz, sinala Miranda, quen ademais cre que "o peche non é atinado" mentres non se produza a devandita investigación independente, para cuxa demora "non hai xustificación posíbel". É por iso, lembra, que a través da coalición Agora Repúblicas -da que o Bloque fai parte-, xa se dirixiu á Comisión Europea para preguntar "cando foi o último contacto coas autoridades españolas" a este respecto e, concretamente, saber "como vai proceder" a respecto do procedemento de infracción que ten aberto contra España, no que investiga se avalía ben os riscos ferroviarios, aspecto clave no caso Angrois.