A Domus acolle este xoves unha gala que se pode seguir en directo na que expertos e actuacións ofrecerán distintas visións dos "fíos que tecen as conexións da cidade co mundo do século XXI"
A Domus da Coruña acolle na tarde deste xoves (20.30 horas) a gala da cuarta edición do proxecto A Coruña Global, co que a cidade, da man do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), vén reflexionando desde hai uns anos sobre o seu papel no mundo. A gala é presentada por Yolanda Castaño e Xosé Antonio Touriñán e poderá seguirse en directo -e posteriormente recuperar a gravación- no vídeo inserido a continuación.
O proxecto A Coruña Global naceu en 2019 tras unha declaración institucional do Pleno do Concello -A Coruña global no mundo do s. XXI- que apostou por reforzar a imaxe e a acción exterior da cidade e de Galicia en xeral. Da man do Igadi celebráronse xa coloquios en 2020, xornadas universitarias en 2022 e unha primeira gala en 2023.
Actuacións musicais e reflexións de expertos, políticos e representantes da sociedade civil coruñesa máis global ofrecerán as súas visións dos fíos que tecen as conexións da cidade co mundo do século XXI. Entre outras persoas, participarán expertos na diáspora galega (Arturo Lezcano, xornalista), cidades globais (Miguel Otero, investigador do Real Instituto Elcano, ou Alfonso Gómez Cruz, alcalde de Xenebra), solidariedade (Diego González Rivas) ou deporte (Sofía Toro).
"O evento enténdese como un espazo mixto entre o espectáculo e a reflexión colectiva", salienta o Igadi, avanzando a participación presencial ou virtual de especialistas en cidades globais, diáspora galega, internacionalización, deporte ou solidariedade.
Os asistentes á gala poderán facerse cun exemplar do Mapa da Coruña Global en galego, inglés, chinés, portugués ou castelán, un plano que identifica "a historia internacional da cidade" e amosa "o ecosistema actual desas conexións internacionais".