A apertura acelerada de Rande aviva a ofensiva de En Marea e BNG contra o Goberno central e Audasa

Cargos políticos na presentación das obras de ampliación da AP-9 © Xoán Crespo

Tras o último Consello de Ministros do ano que se celebra este venres o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, desprazarase como nel vén sendo habitual a Pontevedra para pasar alí uns días e, ao tempo, inaugurar na mañá deste sábado a ampliación da autoestrada AP-9 ao seu paso pola ponte de Rande. Porén, o acto, acelerado pola concesionaria Audasa para poder cobrar canto antes máis peaxe, verase escurecido non só pola climatoloxía senón tamén por varias iniciativas políticas contra o xeito en que o Goberno está a exercer as súas competencias sobre a autoestrada. Por unha banda os alcaldes e equipos de goberno dos concellos do Morrazo, formados todos eles por partidos de esquerda, non acudirán á inauguración en protesta polo que consideran falta de seguridade das obras e da circulación pola ponte. Por outra, o grupo de En Marea no Congreso vén de formalizar un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional pola negativa da Mesa do Congreso a sequera debater a petición unánime do Parlamento de Galicia de que a titularidade da autoestrada pase do Goberno central á Xunta.

Os concellos do Morrazo plantarán a Rajoy na inauguración da ponte deste sábado e En Marea presenta un recurso ante o Constitucional contra a negativa da Mesa do Congreso a sequera debater a transferencia da autoestrada

Á inauguración da ampliación da ponte de Rande prevista para as 11.30 horas deste sábado o Goberno central invitou a varios concellos da zona. Porén, os equipos de goberno de Cangas, Moaña, Vilaboa e Bueu, conformados todos eles por grupos de esquerda, incluído o PSdeG, non acudirán ao acto. A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, do BNG, sinala que o fan en protesta pola falta de seguridade tanto nas obras, que aínda non consideran rematadas, como tampouco o fai o propio Ministerio de Fomento, e nas que se produciron varios accidentes graves e un falecemento, como no xeito en que se circulará posteriormente pola ponte, na que non haberá comunicación entre os taboleiros exteriores engadidos agora e a plataforma central, o que podería bloquear os carrís ampliados en caso de accidente. Igualmente, rexeitan que a ampliación sexa sufragada co incremento de peaxe.

 

Actos de BNG e En Marea en contra da xestión que o Goberno central fai da AP-9

Os alcaldes do Morrazo critican a falta de seguridade das obras e da posterior circulación pola ponte, na que non haberá comunicación entre os taboleiros exteriores e o central

Ao tempo, o grupo de En Marea no Congreso vén de presentar un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional polo rexeitamento da Mesa do Congreso, encabezada pola súa presidenta Ana Pastor, ex-ministra de Fomento e deputada por Pontevedra, a sequera debater a petición unánime do Parlamento de Galicia de que a titularidade da AP-9, e polo tanto o control sobre a súa concesionaria, pase do Goberno central á Xunta. O recurso salienta que a propia iniciativa autonómica explicita que a transferencia non suporía ningún incremento dos créditos orzamentarios, posibilidade hipotética na que se basea o Goberno central para vetar o debate.

O recurso de En Marea engádese a outro presentado previamente polo BNG, formación que este martes celebrou en Pontevedra un acto con cargos públicos dos concellos afectados pola AP-9 no que fixo público un “Manifesto pola transferencia a Galiza da AP-9 e a supresión progresiva das peaxes”. Coa portavoz nacional, Ana Pontón, e o rexedor de Pontevedra, Miguel Anxo Fernánde Lores á cabeza, os nacionalistas criticaron que o PP galego defenda “os intereses de Audasa e de Rajoy”.

Cronoloxía elaborada por En Marea sobre o veto a debater a transferencia da AP-9 Dominio Público En Marea

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.