A Xunta incluíu no seu proxecto "anticrise" a "axilización do pagamento" de achegas como a Risga ou as Axudas de Inclusión. Preguntada pola concreción na redución dos tempos de espera, Política Social indica que "na medida do posible" van tentar pagar "o máis pronto posible"
O pasado 30 de marzo, hai agora unha semana, o Consello da Xunta aprobou o Plan de medidas anticrise para paliar os efectos da guerra no Oriente Medio. Os préstamos a empresas que comercian con esa contorna xeográfica, especialmente afectadas polos ataques dos gobernos de Trump e Netanyahu, son protagonistas dun proxecto no que o presidente Rueda destacou tamén achegas á modernización de sectores especialmente expostos ás subas dos combustibles, como agro e pesca, sen destacar así e todo que parte do montante total anunciado (157 millóns de euros) se correspondía con fondos novos.
Entre os destaques sinalados polo Executivo ao aprobar o plan como "actuacións urxentes" figurou tamén o que o propio presidente englobou como "protección dos fogares", cunha suma de 6 millóns para compensar as empresas de autobuses con concesións da Xunta -polo incremento do custo do gasoil- , "aprazamentos e condonación parcial de alugueiros en vivendas públicas" e tamén "axilización do pagamento" de axudas sociais. Para este último apartado a Consellería de Política Social vén admitir que non manexa prazos concretos.
Entre as axudas cuxo pagamento a Xunta di disporse a "axilizar" tanto o presidente como o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, destacaron dúas dependentes de Política Social. A Risga (a Renda de Inclusión Social de Galicia, unha mensualidade de subsistencia para persoas en situación de pobreza que adoita roldar os 500 euros ao mes) e as Axudas de Inclusión Social (AIS), unha achega única de, como moito, pouco máis de mil euros para que poboación na mesma situación poida afrontar pagamentos puntuais de urxencia -por exemplo, alugueiro pendente para evitar un desafiuzamento-.
A Renda de Inclusión, que dende a existencia do IMV estatal reduciu á metade a poboación beneficiaria, tarda de media uns tres meses en ser concedida dende o rexistro da solicitude no concello ata o remate do trámite na Consellería
Sobre ambas preguntou especificamente Praza.gal á Consellería para coñecer se o plan pola guerra fixaba unha redución de prazos concreta. Na súa resposta, un voceiro oficial do departamento que dirixe Fabiola García sinalou que a Xunta vai tentar "na medida do posible, axilizar os trámites burocráticos para que os beneficiarios perciban as prestacións o máis pronto posible", sen maiores concrecións.
Os datos máis recentes do propio Goberno galego, correspondentes a 2024 -a Xunta realiza un informe anual sobre estes subsidios e o de 2025 aínda non foi publicado- indican que a demora media na concesión dunha Risga se sitúa en algo máis de tres meses dende que a persoa comeza os trámites ante os servizos sociais do seu Concello e ata que a dirección territorial da Consellería de Política Social resolve definitivamente. Concretamente, 107 días de media (case o mesmo que en 2023 e vinte días menos que en 2022, aínda moi condicionado pola pandemia). No caso das Axudas de Inclusión, a tardanza media é duns 115 días.
Estes rexistros prodúcense nun contexto no que as AIS veñen sendo recibidas por unhas 3.000 persoas ao ano, un indicador estable nos últimos exercicios que contrasta co moi notable descenso no número de persoas beneficiarias da Risga, que pasaron de ser unhas 10.000 anuais hai apenas media década a non chegar ás 5.000 en 2024. A razón desta diminución é a creación do Ingreso Mínimo Vital por parte do Goberno de España, xa que a Consellería da Política Social agora reduce a Risga a unha "cobertura complementaria" para persoas que por diversas razóns non poidan acceder ao subsidio estatal. Ambas axudas son incompatibles entre si por mor dunha lei galega de 2013 que a Xunta segue evitando modificar.