A crise das persianas incompatibles: "importantes carencias" demoraron medio ano o Parador de Muxía prometido tras o 'Prestige'

Vista xeral do Parador de Muxía © Paradores

Paradores recibiu a obra en decembro de 2019 pero non abriu o establecemento ata xuño de 2020 por diversas eivas atribuídas a Turespaña, un enfrontamento entre dúas entidades do Goberno de España que agora revela o Tribunal de Cuentas

O 16 de decembro de 2019, 17 anos despois da catástrofe do Prestige que levara ao Goberno de José María Aznar a prometelo, o executivo de Pedro Sánchez anunciaba a entrega do Parador de Muxía a Paradores "para que a cadea pública o acondicione e decore antes da súa apertura". Porén, as actuacións que faltaban eran máis que un acondicionamento e decoración e o aloxamento non puido abrir as súas portas ata o 25 de xuño de 2020, medio ano máis tarde.

Esta derradeira demora, tras outras moitas previas, debeuse a "importantes carencias imprevistas" que Paradores atribúe a outra entidade do mesmo Goberno central, Turespana, encargada da súa construción. Un enfrontamento agora revelado polo Tribunal de Cuentas, o ente independente que fiscaliza as contas públicas estatais, que ten un dos seus elementos máis rechamantes nas persianas eléctricas do establecemento, incompatibles cos interruptores.

Interior do Parador de Muxía á súa entrega a Paradores, o 16 de decembro de 2019, aínda sen equipar e coas instalacións sen rematar Dominio Público @TurismoEspGob

O Parador de Muxía foi prometido por Aznar no marco do Plan Galicia de compensacións tras o afundimento do Prestige en novembro de 2002. Pero o proxecto tardou en comezar a súa andaina, pois o concurso público para deseñalo, a cargo da Xunta, non se convocou ata 2008. Coa volta do PP ao Goberno galego, argumentouse que ese proceso fora mal realizado, o que paralizou o proxecto, que non foi desbloqueado ata 2010, cando se anunciou que o edificio contaría con 80 prazas.

A súa construción encomendouse a Turespaña, o organismo público encargado da promoción do turismo a nivel estatal, que á súa vez encargou a obra á empresa pública Tragsa. En 2011 púxose a súa primeira pedra, pero a crise fixo que os seguintes pasos avanzasen lentamente, ata o punto de que en 2012 o daquela ministro do ramo, José Manuel Soria, anunciou a súa paralización no marco dunha serie de recortes xerais en toda a rede de Paradores. O presidente Feijóo mesmo escenificou unha protesta pública contra o Goberno central do seu propio partido, o que na práctica non fixo que a obra se acelerase.

A obra volvería coller forza en 2016, cando o Goberno decidiu modificar o proxecto e reducir de 80 a 60 as súas prazas. Malia iso e unha nova ampliación dos prazos de execución, o seu custo fixouse en 27 millóns, tres máis dos previstos cando fora anunciado por Aznar.

A comezos de 2019, aproveitando a feira turística Fitur, o daquela presidente de Paradores, o ex-secretario de Organización do PSOE Óscar López, anunciaba que o aloxamento estaría en servizo a finais daquel mesmo ano. Pero non foi así. A demora de medio ano que se produciu a continuación pode coñecerse agora grazas a un informe do Tribunal de Cuentas sobre contratos públicos de Paradores, que recolle tamén alegacións formuladas pola actual presidenta da empresa pública, Raquel Sánchez Jiménez.

Alegacións da presidenta de Paradores nas que sinala que Turespaña entregou o edificio "con importantes carencias imprevistas" CC-BY-SA Praza Pública

Segundo Paradores, o edificio tiña "importantes carencias", algunhas "moi evidentes" e outras "ocultas", que obrigaron a novas contratacións que para o Tribunal de Cuentas "evidencia unha deficiente planificación incompatible cunha boa xestión"

En setembro de 2019 Turespaña informou a Paradores de que prevía recibir a obra a finais de outubro, ante o que Paradores decidiu "preparar a inauguración do Parador de Muxía antes da Semana Santa, o 4 de abril de 2020". O edificio foi entregado a Paradores por Turespaña o 16 de decembro, pero naquel momento non faltaba só acondicionalo e decoralo. 

Segundo Paradores, xa se puxeran en marcha diversas contratacións antes de recibir o edificio "para que inmediatamente de terminarse as [obras] de Turespaña se puxesen en marcha as obras de adaptación e remate atribuídas a Paradores". Pero non foi así porque cando se recibiu o edificio este tiña "importantes carencias imprevistas para a sociedade, algunhas moi evidentes, como a falta de subministro eléctrico; e outras descoñecidas para Paradores, dado que se atopaban ocultas polos acabados propios da obra, tabiques, falsos teitos, etc."

Entre esas "cuestións descoñecidas e non informadas por Turespaña se atopaban, entre moitas outras cousas, as características da instalación dos motores das persianas dos lucernarios das habitacións". Segundo sinala a continuación Paradores, ao desmontar os falsos teitos detectouse que os interruptores "debían ser doutro tipo", o que obrigou a realizar unha nova contratación. Foron só uns 7.600 euros máis, pero o contrato non foi formalizado ata mediados de maio, apenas un mes antes da apertura.

Parador de Muxía © Paradores

Para o Tribunal de Cuentas, o feito de que Paradores acabase contratando os novos interruptores á marxe do contrato xa formalizado previamente para as persianas que xa os debían incluír "evidencia unha deficiente planificación que resulta incompatible cunha boa xestión da actividade contractual" por parte da empresa pública. 

O parador abriu as súas portas o 25 de xuño de 2020 pero non sería inaugurado oficialmente ata dous anos despois, en outubro de 2022, ás portas do 20 aniversario do 'Prestige'

Tamén a comezos de 2020 acabou encargando Paradores outras actuacións pendentes como a instalación da telefonía e de chan de vinilo nos baños, a construción de tres pozos de barrena, melloras na iluminación e climatización ou subministros de vaixela e mobiliario para despachos.

O parador acabaría abrindo as súas portas o 25 de xuño de 2020. Porén, a súa inauguración oficial por parte das autoridades aínda se celebraría máis de dous anos despois, o 22 de outubro de 2022, ás portas do 20 aniversario do afundimento do Prestige.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.