A minguante policía galega que non é: as claves do conflito da Xunta co Estado

Vehículo da Unidade da Policía Nacional adscrita á Xunta (UPA) nas proximidades da Alameda de Santiago, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta

A ameaza da Xunta sobre a retirada de axentes da Unidade de Policía Adscrita da protección a vítimas de violencia machista ten como pano de fondo as negociacións co Estado para renovar o convenio que a rexe, no que o Ministerio pide un financiamento ao 50% co Goberno galego

A principios de decembro o Conselleiro da Presidencia, Diego Calvo, ameazou no nome do Executivo galego con retirar axentes da Unidade da Policía Nacional Adscrita á Xunta (UPA) da protección de vítimas de violencia machista se o Goberno de España non lle achega máis axentes. Apenas dous meses antes, o mesmo departamento substituíu por persoal de empresas de seguridade privada parte dos policías da UPA que prestaban simbólico servizo de vixilancia no Parlamento e na sede central da Xunta en San Caetano, "reaxuste" que atribuíu igualmente a falta de persoal atribuíble ao Ministerio do Interior.

A coñecida como Policía Autonómica conta cun catálogo de 500 axentes para atender áreas de competencia da Xunta que nunca chegou a cubrirse por completo. Cando máis preto estivo foi no ano 2013, exercicio que rematou con 474 prazas cubertas. Dende aquela, a baixada é sostida ata chegar a 343 no remate do pasado 2024 e a 338 neste decembro de 2025, segundo datos achegados por Presidencia ao Parlamento no marco dun conflito co Estado no que conflúen os habituais tirapuxas do gabinete de Alfonso Rueda co Goberno que preside Pedro Sánchez, mais tamén cuestións orzamentarias e de autogoberno.

Eses 500 postos que a Xunta reclama concretar son parte das normas que rexen o funcionamento da UPA. Remóntanse ao Acordo Administrativo de Colaboración asinado en 1990 pola Xunta de Fraga co Ministerio do Interior do Goberno de Felipe González para crear este corpo adscrito en 1991. Dende aquela prorrogouse e modificouse no mes de outubro de cada tres anos entre 1993  e 2005

A Xunta accede a pagar o 50% das nóminas de novas prazas da UPA pero non das xa existentes e esgrime un "agravio a Galicia" en comparación cos Mossos d'Esquadra cataláns, que son un corpo policial integral e non unha unidade da Policía Nacional adscrita á autonomía

O último convenio, como recollen cada ano as memorias oficiais da UPA, rubricouno o 17 de outubro de hai vinte anos o Goberno galego de coalición PSdeG-BNG co Executivo estatal de Zapatero e venceu en 2008. Dende aquela segue vixente ata que non se asine un novo. Tras lustros de parálise, hai meses que ambas partes admiten que as negociacións para a renovación están en marcha, conversas que derivaron nun tirapuxa no que se encadran as advertencias públicas do Goberno galego sobre retiradas de servizos policiais e o cumprimento de parte delas.

As condicións actuais da UPA implican que os salarios dos axentes son sufragados polo Goberno de España, mentres que a Xunta asume os complementos desas nóminas e o resto de gastos de funcionamento. A aposta do Ministerio do Interior é que, de agora en diante, a Policía Adscrita estea financiada ao 50% por Galicia e o Estado, nóminas incluídas, mentres que a Xunta só accede a facelo coas "novas prazas" mentres reclama que "para os efectivos actuais" os soldos sigan correndo integramente por conta do Estado.

Diego Calvo e o director xeral de Emerxecnias e Interior, Santiago Villanueva, nun acto con mandos da UPA CC-BY-SA Xunta

A Consellería de Presidencia culpa o Ministerio que dirixe Fernando Grande-Marlaska de non responder á súa petición de "proposta consensuada conforme ás necesidades de Galicia", sinalan a Praza.gal fontes oficiais do departamento de Diego Calvo. O Ministerio, pola súa banda, reitera que o financiamento ao 50% das unidades da Policía Nacional adscritas ás comunidades autónomas non supón máis que cumprir a lei.

Interior insta a Xunta a seguir a senda doutro Goberno do PP, o andaluz, que recentemente asinou o novo convenio para a súa UPA coas novas condicións. O gabinete de Rueda retruca que a unidade galega asume competencias que non exercen as doutras autonomías, caso da protección de vítimas de violencia machista ao abeiro dun acordo específico asinado en 2016, polo que as condicións de financiamento tamén deberan ser diferentes.

Unha Policía galega real arrombada entre alusións a ETA

Entre os argumentos máis pragmáticos e tanxibles, os do financiamento, a Consellería de Presidencia agrega outro máis político. "Denunciamos ademais o agravio a Galicia porque mentres non se nos dá resposta para cubrir menos de 200 vacantes, con Cataluña acordouse aumentar os axentes dos Mossos ata 25.000 en 2030", afirma a mesma fonte oficial de Presidencia.

Referencia do Consello da Xunta presidido por Fraga que aprobou o proxecto de Lei de Policía en 2005 e fragmentos da proposición defendida neste 2025 polo BNG e rexeitada polo PP CC-BY-NC-SA Praza.gal

Con esta afirmación, a Consellería de Calvo equipara dialecticamente a UPA, unha unidade adscrita da Policía Nacional, cun corpo policial integral como son os Mossos d'Esquadra. O Estatuto galego tamén faculta a Xunta para desenvolver unha policía de seu que non só remudase a UPA, senón que asumise paulatinamente funcións que veñen exercendo as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Para facelo, o país conta dende 2007 coa Lei de Policía de Galicia, aprobada durante o mandato de PSdeG e BNG e bloqueada polos sucesivos gobernos do PP con Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda.

Galicia conta dende 2007 cunha lei para contar con Policía de seu. O PP reitera o compromiso de non aplicala dende a Xunta malia contemplar competencias como as de tráfico que xa reclamara Fraga

Un dos elementos centrais desa paralizada lei, que segue tan vixente como inaplicada, pasa por reclamar e conseguir para o Executivo galego as competencias de vixilancia e control do tráfico en vías interurbanas, actualmente nas mans do Goberno de España e exercidas pola Garda Civil. O último intento de reclamalas foi formulado polo BNG no Parlamento o pasado febreiro e saldouse cunha rotunda negativa por parte do PP, que reafirmou a súa promesa electoral de seguir incumprindo a Lei de Policía de Galicia tal e como prometera a sindicatos policiais, os cales agora se manifestan contra a Xunta por transferir parte das competencias da UPA a empresas de seguridade privada.

Para sustentar o seu "non", os conservadores galegos esgrimiran que as "verdadeiras intencións" do BNG ao pedir controlar o tráfico e a seguridade viaria cunha policía galega son "botar á Policía Nacional e á Garda Civil da nosa terra" e, en última instancia, "avanzar cara á independencia". Esas acusacións, lanzadas entre mencións á desaparecida banda terrorista ETA, chegaron, paradoxalmente, no vixésimo aniversario doutro proxecto de Lei de Policía de Galicia, o formulado pola Xunta de Manuel Fraga nos seus meses finais, que non puido chegar a ser aprobado polo adianto das eleccións galegas de 2005.

Intervencións de Paula Prado (PP) e Iago Tabarés (BNG) durante o debate sobre o traspaso das competencias de tráfico, o pasado febreiro no Parlamento CC BY-NC-SA Praza.gal | Imaxe: Sinal institucional Parlamento

Naquel proxecto de lei de hai dúas décadas o Goberno de Fraga presentara como un "feito histórico" que "por primeira vez" Galicia tivese "un corpo de policía propio" e "integral". Contemplaba asumir as competencias de tráfico e moitas outras como as que manexan os Mossos en Catalunya ou a Ertzaintza en Euskadi. 

A lei finalmente aprobada, a da coalición PSdeG e BNG, tiña amplas semellanzas co texto fraguista e mesmo así o reivindicara o PP da época. Vinte anos despois, o actual presidente Rueda considera que as "circunstancias actuais" implican que non sexa "conveniente" asumir unha competencia que si pedía o Goberno de Fraga a través dunha Consellería de Presidencia na que el mesmo era alto cargo. A pugna seguirá, daquela, na maior ou menor dimensión dunha policía galega que, en realidade, non é tal, porque se trata dunha unidade adscrita da Policía Nacional.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.