A patronal impón á Xunta que a conciliación non conte para ampliar a depuradora de Vilagarcía

Visita do presidente Rueda hai uns días a obras de saneamento en Vilagarcía e argumento polo que non son aplicables criterios de conciliación a obreiros da construción CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

A Confederación Nacional da Construción considerou excesivo que o concurso puntuase cun 10% as melloras sociais ofertadas polas empresas, en liña coa Lei de Impulso Demográfico de Galicia, e finalmente desaparecen por completo do contrato

O concurso público lanzado pola Xunta en setembro, a través de Augas de Galicia, para ampliar a depuradora de Vilagarcía por 28 millóns de euros contemplaba inicialmente como criterios de valoración das ofertas que se presenten ata un 10% para medidas de conciliación do persoal. Unha disposición en liña coa Lei de Impulso Demográfico de Galicia de 2021. Pero a Confederación Nacional da Construción presentou un recurso que foi admitido polo Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (Tacgal), adscrito á Consellería de Facenda. 

Tras esa resolución administrativa, Augas de Galicia renunciou a recorrer ante a xustiza ordinaria ou a simplemente rebaixar a porcentaxe de valoración das medidas de conciliación e optou por eliminar por completo ese criterio do concurso público, aínda pendente de adxudicar.

Depuradora de Vilagarcía CC-BY-NC-SA Xunta de Galicia - Plan de Ordenacion do Litoral

O contrato para a ampliación da depuradora de Vilagarcía inclúe non só a execución física das obras senón tamén a redacción previa do seu proxecto, destinando un 13% do monto total de 28 millóns, uns 3,5 millóns, a gastos xerais entre os que se atopa ese traballo de deseño. No concurso convocado inicialmente por Augas de Galicia, dependente da Consellería de Medio Ambiente, os pregos de condicións establecían que un máximo do 10% da valoración das ofertas que se presentasen tería en conta medidas de conciliación propostas por cada empresa como "flexibilidade temporal -bolsas de traballo-", "beneficios sociais para a atención de responsabilidades familiares", "melloras de permisos sobre os previstos no convenio aplicable" ou "flexibilidade espacial -teletraballo e videoconferencias".

O Tribunal de Contratación considera que non está xustificado valorar medidas de conciliación "polo simple feito de que a obra se realice por efectivos persoais", isto é, por obreiros con necesidades de conciliación como calquera outra persoa

Eses pregos de condicións foron recorridos pola Confederación Nacional da Construción ante o Tribunal de Contratación (Tacgal) da Xunta, por considerar que os criterios de valoración das medidas de conciliación "non se atopan debidamente xustificados". Un recurso que se formulou poucos días antes de que o presidente da patronal galega asegurase querer "converter a conciliación en norma". E o Tacgal deu a razón á patronal da construción.

A Lei de Impulso Demográfico de Galicia de 2021 establece que a Xunta "incluirá" entre os criterios para a adxudicación de contratos "un referido ás políticas empresariais en materia de conciliación da vida persoal, familiar e laboral" que se aplicará "sempre que estea vinculado ao obxecto do contrato" e que será de "como mínimo" o 10% da puntuación máxima. Pero segundo o Tacgal neste caso "nos atopamos ante un contrato de obra de ampliación dunha depuradora" e "non podemos admitir que esa vinculación destas medidas sociais co obxecto da licitación se dea polo simple feito de que a obra se realice por efectivos persoais". Isto é, non porque unha obra física a deban realizar persoas con necesidades de conciliación como calquera outra está xustificado que se valore mellor ás empresas que lles faciliten a conciliación. Os obreiros quedan así fóra da aplicación da Lei de Impulso Demográfico.

Sinatura o pasado xullo do convenio para ampliar a depuradora de Vilagarcía CC-BY-SA Xunta de Galicia

A resolución do Tacgal obvia a pluralidade de medidas de conciliación posibles e céntrase en analizar unha, o teletraballo, para dicir que "dificilmente atopamos cabida" nunha obra de construción "cando menos para a maior parte do persoal". "E de entenderse que esas medidas se refiren principalmente ao persoal correspondente á fase de elaboración do proxecto, non semella que a súa configuración poida considerarse proporcionada na busca da mellor oferta, dada a puntuación asignada e o seu custo relativo", di, evitando comparar o 10% destinado á valoración da conciliación co 13% previsto no contrato como gastos xerais entre os que está incluída a redacción do proxecto.

A resolución do Tacgal, administrativa, podía ser recorrida ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, como adoita facer a Xunta con todo tipo de resolucións ou sentenzas inferiores. Pero neste caso Augas de Galicia non o fixo e en lugar de defender a aplicación ao caso da lei impulsada desde a propia Xunta optou por corrixir o concurso e eliminar por completo a valoración de criterios de conciliación. 

Corrección do concurso realizada por Augas de Galicia para eliminar a valoración de criterios de conciliación tras o recurso formulado pola patronal da construción CC-BY-SA Praza Pública

Malia que a resolución do Tacgal non di que deba desaparecer por completo a valoración de criterios de conciliación senón só que non resultan proporcionados, Augas de Galicia suprimiunos totalmente

Malia que a resolución do Tacgal non di que deba desaparecer por completo a valoración de criterios de conciliación senón só que non resultan proporcionados, Augas de Galicia suprimiunos totalmente e pasou a aumentar noutros 10 puntos, ata o 51%, o peso no concurso dos criterios económicos das ofertas que se realicen. As construtoras que se presenten xa non temerán que outros competidores poidan obter unha mellor valoración se ofrecen aos seus obreiros ou enxeñeiros "flexibilidade temporal" ou "beneficios sociais para a atención de responsabilidades familiares".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.