A precariedade das emerxencias aéreas impulsa un centro estatal de formación que o persoal ve insuficiente

Un dos dous helicópteros de salvamento marítimo da Xunta © Avincis

O sindicato SLTA vén denunciando as condicións laborais do persoal en beneficio das empresas, envoltas en reiteradas polémicas en Galicia cos helicópteros de salvamento, incendios ou sanitarios

O Congreso dos Deputados aprobou este martes unha iniciativa do PSOE para a creación "en colaboración coas administracións local e autonómica", dun "centro especializado en formación e adestramento de pilotos para a súa posterior especialización en emerxencias aéreas". A medida pretende paliar mesmo con becas a fuga de persoal dese sector, que opera servizos aéreos de loita contra incendios, salvamento ou emerxencias sanitarias, cara á aviación comercial ou mesmo o estranxeiro. 

A iniciativa é ben recibida polo Sindicato Libre de Traballadores Aéreos (SLTA), pero é considerada insuficiente ante a precariedade xeralizada do sector, da que se aproveitan as poucas empresas existentes, que en Galicia veñen estando envoltas en reiteradas polémicas por eivas na xestión dos helicópteros de salvamento, incendios ou sanitarios da Xunta. 

Un helicóptero contra incendios da Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

O SLTA vén criticando que o aumento do gasto das administracións nos contratos de emerxencias aéreas acaba en maiores beneficios das empresas sen melloras para o persoal. Agora, ante a iniciativa socialista aprobada no Congreso, que considera unha solución parcial, o sindicato salienta que o problema de fondo son xornadas laborais e gardas localizadas, programacións mensuais entregadas con pouca antelación que impiden conciliar a vida profesional e laboral ou un convenio sectorial con "salarios irrisorios".

O aumento do gasto das administracións nos contratos de emerxencias aéreas acaba en maiores beneficios das empresas sen melloras para o persoal

Malia esas condicións laborais, nos últimos anos o custo das emerxencias aéreas non para de medrar para as administracións, tamén para a Xunta, malia que os servizos prestados polas empresas acaban presentando todo tipo de eivas. No sector dos incendios, hai agora xusto un ano foi condenado o denominado 'cártel do lume' estatal, que se repartiu contratos ilegalmente tamén en Galicia. 

Helicóptero medicalizado do 061 © 061

No salvamento marítimo os helicópteros de Gardacostas de Galicia foron adxudicados en 2023 a unha única empresa candidata que non rebaixou nin un céntimo os 45 millóns de euros do contrato e despois demorou a renovación comprometida dos aparatos.

E nas emerxencias sanitarias a empresa que levou o contrato hai agora dous anos rexistrou ducias de incumprimentos nuns poucos meses e a Xunta acabou convocando un novo concurso que esta mesma semana vén de suspender logo de que, como avanzou Praza.gal o pasado luns, varias empresas amosasen sospeitas de que puidera estar amañado. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.