"A xente escolleunos", responde Rueda á petición de Pontón de que "deixe de facer de comercial de Altri"

A manifestación contra Altri, na Praza da Feira de Palas de Rei © Plataforma Ulloa Viva

O presidente di que o BNG daba a Altri un "apoio entusiasta" hai dous anos e Pontón lémbralle que o proxecto desvelouse hai dous meses, tras as eleccións galegas

A multitudinaria manifestación do pasado domingo en Palas de Rei contra a fábrica que Altri quere instalar na vila foi a protagonista este mércores na sesión de control á Xunta no Parlamento de Galicia. A portavoz do BNG, Ana Pontón, reclamou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que escoite á cidadanía que se manifestou e "deixe de facer de comercial de Altri". 

A resposta do titular do Goberno galego foi que os técnicos serán quen decidan o futuro do proxecto. Pero que a Xunta non pode renunciar a un proxecto así que cree emprego porque "a xente escolleunos para iso".

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, este mércores na sesión de control amosando unha fotografía da manifestación contra Altri CC-BY-NC-SA BNG

Na súa pregunta a Rueda sobre Altri Pontón lembrou que o pasado domingo houbo "dúas manifestacións, unha en Palas contra a bomba ambiental de Altri" e outra "en Madrid e aquí estaba vostede facendo de palmeiro do PP máis ultra". A nacionalista pediu ao presidente da Xunta que "deixe de facer de comercial de Altri, dá vergoña allea" e preguntouse por todo o que se podería facer cos 250 millóns de euros de axudas públicas que reclama a empresa para poñer en marcha a súa fábrica.

A súa resposta comezouna Rueda referíndose a Bildu e o suposto interese de Pontón en non fotografarse con cargos dese partido. Despois, xa entrando na cuestión, o presidente asegurou que o BNG amosaba un "apoio entusiasta e sen condicións a Altri". Unha afirmación que o presidente sustentou en que o Parlamento amosou hai dous anos e novamente hai un ano, cando aínda non se coñecían as características do proxecto, o seu respaldo a unha iniciativa de economía circular para produción de fibras téxtiles.

Porén, Pontón salientou que as características do proxecto de Altri non se coñeceron ata hai un par de meses, cando saiu a exposición pública uns días despois das eleccións galegas do 18 de febreiro.

Rueda na sesión de control á Xunta no Parlamento este mércores CC-BY-SA Xunta de Galicia

"A inmensa maioría dos galegos volveron demostrar onde nos queren a cada un hai tres meses", dixo Rueda en referencia ás eleccións do 18 de febreiro

Rueda rematou o debate reiterando que serán funcionarios da Xunta quen decidan se o proxecto é ambientalmente viables e pediu "tranquilidade a todos os galegos" porque "a Xunta xamais autorizará nada que non cumpra con todos os criterios". E ante o rexeitamento do BNG e o que atribuíu a grupos afíns a esa formación, Rueda salientou que "a inmensa maioría dos galegos volveron demostrar onde nos queren a cada un hai tres meses".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.