A sociedade anónima deportiva salienta o “gran ritmo” das obras dunha instalación que define como “respectuosa ao máximo co medio ambiente” malia as dúbidas que varias administracións, incluída a galega, teñen do seu impacto
A Consellería de Economía vén de autorizar o venres da pasada semana a modificación e soterramento de parte dunha liña eléctrica de media tensión para facilitar a execución da cidade deportiva que o Celta xa comezou a construír en montes comunais de Mos malia non ter aínda os permisos para a totalidade do complexo, que incluiría un centro comercial. A propia sociedade anónima deportiva controlada polo empresario Carlos Mouriño vén de salientar hais uns días o “gran ritmo” das obras dunha instalación que define como “respectuosa ao máximo co medioambiente” malia as dúbidas que varias administracións, incluída a galega, teñen sobre o seu impacto ambiental.
O Celta, co apoio expreso de Feijóo, comezou as obras da primeira fase hai un ano e medio ao amparo dunha licenza municipal, e en xaneiro a Xunta validou ambientalmente a segunda fase malia admitir o seu impacto
O Celta, que conta co apoio expreso do presidente Feijóo e o rexeitamento do Concello de Vigo, comezou hai un ano e medio, ao amparo dunha licenza municipal directa, as obras de construción no monte comunal de Pereiras, en Mos, dos primeiros campos de adestramento do que quere que sexa a súa gran cidade deportiva. O complexo contaría cunha ducia de campos e un centro comercial que garanta a súa viabilidade económica, e a sociedade quere desenvolver o proxecto en varias fases que acabarían afectando ao veciño monte de Tameiga, cuxos comuneiros rexeitan o uso dos seus terreos.
Das obras xa en marcha o Celta salienta que “avanzan a gran ritmo e xa asoman os edificios que acollerán en breve ao primeiro equipo e ao filial”, malia argumentar o clube que o “obxectivo primordial” do complexo é “a formación dos xogadores da canteira”. Nas construcións emprazaranse, “entre outras dependencias, os vestiarios, recepción, ximnasio, comedor, lavandería e salas de prensa e de vídeo”. Segundo a sociedade anónima deportiva, o seu obxectivo é “unha cidade deportiva moderna e funcional, respectuosa ao máximo co medioambiente”.
Porén, malia o apoio expreso do presidente Feijóo, varias administracións veñen amosando as súas dúbidas sobre o impacto ambiental do proxecto. Para a totalidade do complexo, que abarca algo máis de 86 hectáreas, o Concello de Mos está a tramitar unha modificación do seu plan de urbanismo que a Xunta considerou que debía someterse a unha avaliación ambiental completa despois de que varios departamentos tanto autonómicos como estatais cuestionasen o seu impacto.
O Celta chegou a argumentar que deixar o monte como estaba implicaría “certos riscos desde o punto de vista ambiental, principalmente os de incendio”
Pero tras as actuacións que xa ten en marcha desde hai ano e medio ao amparo dunha licenza municipal e á espera do permiso para a totalidade da cidade deportiva, a Xunta xa autorizou ambientalmente unha segunda fase (de 15 hectáreas que chegaría ata a construción de tres campos, as instalacións asociadas a eles e un aparcamento) malia admitir que suporá un “importante consumo de recursos -especialmente de auga e enerxía-” e pode afectar a un xacemento arqueolóxico. Na xustificación desa segunda fase do seu proxecto o Celta chegou a argumentar que deixar como estaba o monte implicaría “certos riscos desde o punto de vista ambiental, principalmente os de incendio”.