O conselleiro de Educación admite que non ten reproches á xestión da selectividade en anos previos máis alá dos erros deste curso
A campaña da Xunta para facerse co control dos exames de selectividade desprestixiando á comisión (CIUG) formada por ela mesma e as tres universidades que viña organizando as probas desde 1993 deu este mércores un novo paso. O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, tivo que admitir, en contra do que asegurara o luns o presidente Rueda, que a Xunta tamén forma parte da CIUG, na que nomea a metade dos seus membros. Porén, o conselleiro reduciu a "testemuñal" a representación do Goberno galego, malia que esta está encabezada polo xefe da Inspección Educativa da súa consellería, Enrique Prado Cueva, do que a CIG e a oposición reclamaron o seu cesamento por escribir artigos "ultra" contra a esquerda ou contra as autonomías.
O luns Rueda dixo que a CIUG que organiza a selectividade en Galicia, "depende en exclusiva das universidades". Porén, as universidades elixen tres dos seus seis membros, un cada unha, mentres que os outros tres, pensados como representación do ensino secundario, son designados pola Xunta. E entre eles está o subdirector xeral de Inspección e Avaliación da consellería, Prado Cueva, e o xefe do Servizo de Avaliación do Sistema Educativo, Manuel Calaza, ademais da profesora Sonia Torres.
Preguntado pola participación da Xunta na CIUG, este mércores o conselleiro admitiu que "por suposto que hai" membros en representación do Goberno galego, "pero teñen un papel testemuñal", argumentou, mentres que "quen lidera e tomas as decisións son os tres delegados das universidades". Nada dixo Rodríguez sobre se pediu explicacións sobre a súa participación na CIUG a Prado Cueva e o resto de representantes designados pola Xunta e por que o seu papel é "testemuñal" e non activo.
O conselleiro quere cambiar as normas da selectividade pero admite que en anos anteriores non houbo erros "coas mesmas normas e o mesmo sistema"
Malia seguir cargando contra os representantes das universidades na CIUG dicindo que "non se pode intentar socializar a responsabilidade", Rodríguez admitiu que o que cualificou como "sucesión de erros deste curso" -a CIUG redúceos a dous- non se produciron en cursos anteriores. O conselleiro mesmo admitiu que non houbo erros en anos anteriores "coas mesmas normas e o mesmo sistema", pero aínda así teimou en pedir un cambio de sistema para que a Xunta o controle e contribúa a uniformizalo en todo o Estado, como reclama o PP estatal de Feijóo. E nada explicou de por que o seu departamento non respondeu hai dous anos á proposta da CIUG para mellorar a revisión dos exames e "minimizar erros".
Malia as súas críticas aos representantes das universidades, defendidos este martes por esas institucións, Rodríguez asegurou que "non hai ningún enfrontamento entre a universidade e a Xunta". "Isto non é en ningún caso un conflito institucional", dixo, revelando que este martes el mesmo falou "con dous reitores sen ningún tipo de problema".