A Xunta di agora que nada impedía revisar os exames de selectividade pero non aclara por que non llo dixo á CIUG

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, na súa comparecencia tras o Consello da Xunta deste luns CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

En xuño de 2024 as universidades propuxeron que os exames fosen revisados por unha segunda persoa e agora o conselleiro asegura que xa era posible pero rexeita explicar por que non respondeu daquela

O Consello da Xunta deste luns aprobou a proposta de nova normativa coa que quere quitar o control da selectividade á Comisión Interuniversitaria Galega (CIUG), na que xa viña participando a medias coas tres universidades galegas. O novo texto, que agora vai consultar coas universidades, quere avanzar na proposta do PP estatal de "homoxeneizar" a proba en todas as comunidades autónomas e aproveita os erros rexistrados en dous dos exames deste ano para regular tamén a súa loxística concreta. 

Entre outras cuestións a Xunta salienta que, para evitar erros como os deste ano, haberá máis revisións dos exames tras a súa elaboración, o que segundo o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, xa se podía facer coa normativa anterior. Unha proposta que xa formulou en xuño de 2024 a CIUG sen obter resposta da Xunta, silencio que este luns o conselleiro rexeitou explicar malia ser preguntado varias veces pola cuestión.

Exames da PAU 2026 na Universidade da Coruña © UDC

A proposta da CIUG de xuño de 2024 de que cada exame fose revisado por outra persoa ademais de polo encargado da súa redacción foi enviada á Xunta pero esta non respondeu. Este luns o conselleiro argumentou que "non tiña moito sentido e non era viable tal e como estaba formulada por cuestións puramente xurídica e técnica". 

Segundo dixo, "xuridicamente nada impedía" que xa se realizase unha verificación do exame mentres que "tecnicamente non era viable porque se pretendía que participase un inspector, e non tiña sentido porque un inspector é un xeralista, non un especialista" na área de cada exame. Rodríguez foi preguntado en varias ocasións, sen éxito, por que se a resposta era tan sinxela non se contestou á CIUG

Na súa comparecencia deste luns despois do Consello da Xunta Rodríguez optou por poñer o foco en que máis alá dos "erros conxunturais" deste ano o Goberno galego xa viña traballando para unha reforma xeral da organización da selectividade. Segundo dixo, a Xunta, en liña co propugna o PP estatal, quere unha maior "igualdade coas outras comunidades". 

Acto do PP en Salamanca o 1 de xullo de 2024 para prometer unha selectividade "común" coa presenza do conselleiro de Educación, Román Rodríguez CC-BY-SA PP

A nova comisión organizadorá estará "adscrita á consellería" e os grupos de traballo de cada asignatura que ata agora presidía un profesor universitario poderán estar encabezados por un de secundaria proposto pola Xunta

A proposta que agora fará a Xunta ás universidade é que fronte á CIUG na que había un representante de cada unha das tres universidades galegas e outros tres membros propostos pola Xunta, agora a nova comisión organizadora estea "adscrita á consellería" con "representación de Xunta e universidades" que non cuantificou. Ademais desa comisión organizadora, encargada de "deseñar a gran arquitectura", habería unha comisión técnica encargada de "tarefas operativas e loxísticas". 

Canto aos grupos de traballo que organizan os exames de cada materia, Rodríguez dixo que "actualmente son heteroxéneos no funcionamento" e que a nova normativa quere facelos homoxéneos. Tamén dixo que ata agora a dirección deses grupos de traballo era sempre dun profesor universitario e agora "imos propoñer que poida ser non universitario, a proposta da comisión organizadora" que controlará a propia Xunta.

Á espera de coñecer o detalle da proposta da Xunta, cuxo texto aínda non é público e será consultado en cuestión de días coas universidades, o conselleiro tamén avanzou que quere que haxa un "banco de exercicios" con preguntas ou exames "previamente verificados" de entre os que despois o grupo de traballo poida elixir.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.