O TSXG obriga o Goberno galego a facilitar que outra competidora poida comprobar se a empresa de Raúl López está a cumprir as obrigas dos seus contratos de bus escolar
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de condenar a Xunta por denegar unha petición de transparencia dunha empresa competidora de Monbus que quería coñecer as condicións asumidas por esa empresa en varios contratos públicos de transporte escolar para así comprobar se están a ser cumpridos e vixiados polo Goberno galego. A Xunta rexeitara facilitar os datos cunha "escusa de mal pagador" que "roza o absurdo", segundo asume o tribunal na sentenza.

Ante o elevado volume de contratos de transporte escolar cos que se fixo Monbus en 2022 , prorrogados hai un ano malia os incumprimentos detectados pola propia Xunta, unha das súas competidoras pediu á Xunta que lle facilitase o listado "dos vehículos dos que din dispoñer" e que a empresa se comprometera a adscribir a cada servizo, como esixían as condicións do concurso. O Goberno galego denegouno esgrimindo unha das excepcións contempladas pola Lei de Transparencia, que a petición requirise dunha reelaboración da información no seu poder para facilitala.
Porén, o TSXG desbota esa "escusa de mal pagador" e di que non era necesaria ningunha reelaboración por parte da Xunta para facilitar os datos que se lle solicitaban. De feito parte da documentación solicitada xa fora facilitada en causas xudiciais paralelas sobre posibles irregularidades na adxudicación dos contratos en cuestión.
A sentenza agora emitida polo TSXG di que "como sinala" a recorrente, "da proba practicada despréndese a innecesariedade dunha acción de reelaboración por parte da Administración para a remisión do listado de vehículos adscritos á execución dos contratos". "Roza o absurdo -e outra cualificación- que se pretenda defender que esixe dunha acción de reelaboración cando xa foi aportada" noutras causas xudiciais.
Hai un ano a Xunta prorrogou os contratos de transporte escolar malia detectar múltiples incumprimentos por parte de Monbus
O tribunal tamén lembra, para xustificar a súa condena, outra sentenza súa previa que tamén rexeitou en 2022 outra negativa da Xunta a facilitar outros datos sobre contratos de transporte. "A Administración motiva a inadmisión [da solicitude de transparencia] no volume da documentación e na necesidade dunha acción previa de reelaboración", di, pero "non o explica, non relaciona ese volume cos medios materiais e personais de que dispón".
"Non di que información se vería obrigada a disociar ou tratar, ou que proceso específico de traballo lle esixiría subministrar a información solicitada", censura o tribunal, para quen a Xunta "non xustifica de maneira clara e suficiente (de ningunha maneira) que resulta necesaria esa reelaboración da información" para denegar o acceso a ela.