A Xunta mantén descabezado varios meses o Consello Económico e Social tras a présa do PP por reforzarse en Vigo con Porro

Foto de familia do CES con Porro aínda como presidenta © CES

As vacacións do Goberno galego e do Parlamento adían os trámites precisos para a renovación do órgano encargado do diálogo social malia coñecerse hai xa máis de dous meses a volta á política partidaria da súa última titular

Tras o novo afundimento electoral do PP en Vigo ante Abel Caballero nas eleccións municipais do 26 de maio, nas que obtivo apenas o 14% dos votos, só dez días despois Feijóo designaba como presidenta da xestora local do partido á ex-alcaldesa Corina Porro, que desde 2011 era presidenta do Consello Económico e Social (CES) de Galicia. Máis de dous meses despois de coñecerse a súa marcha, e tras cesar oficialmente Porro no CES o 12 de xullo, o órgano de diálogo dos axentes sociais coa Xunta segue sen presidente ou presidenta. E así seguirá varias semanas máis, xa que as vacacións do Goberno galego e do Parlamento impedirán cumprir cos trámites precisos para o nomeamento dun novo titular.

Porro foi designada por Feijóo presidenta da xestora do PP de Vigo a comezos de xuño, pero aínda tardaría máis dun mes en facerse oficial a súa saída do CES para volver á política partidaria. Sería o venres 12 de xullo, coa publicación do seu cesamento no Diario Oficial de Galicia (DOG) tras despedirse do CES cun “catering” de 616 euros e tres días antes de tomar posesión tamén como delegada da Xunta en Vigo, cargo que os populares veñen empregando como contrapoder fronte a Abel Caballero. 

Toma de posesión de Corina Porro como delegada da Xunta en Vigo e gasto de 616 euros no "catering" da súa despedida do CES CC-BY-SA Xunta de Galicia

Ao anunciar o nomeamento de Porro como delegada da Xunta en Vigo o propio Feijóo dixo que agardaba que a presidencia 

Ao anunciar o nomeamento de Porro como delegada da Xunta o propio Feijóo foi preguntado polo tempo que quedaría vacante a presidencia do CES, ao que o presidente contestou que agardaba que fose “o menor tempo posible”. Porén, un mes despois o posto segue baleiro.

A lei establece que o presidente da Xunta nomeará á persoa titular do CES tras unha proposta conxunta dos conselleiros con competencias en materia de economía e relacións laborais pero que “con carácter previo” a ese nomeamento o Consello da Xunta porá en coñecemento do Parlamento de Galicia o nome da persoa proposta para que compareza na Cámara en comisión e os grupos examinen a súa candidatura. Porén, o Goberno galego, segundo unha fonte oficial do máximo nivel, non prevé convocar no que queda de agosto o Consello da Xunta, a reunión semanal do executivo que tivo o xoves día 1 o seu último encontro (é habitual todos os veráns que esa reunión non se convoque durante varias semanas de agosto, coincidindo coas vacacións por quendas dos conselleiros e o presidente). Tampouco o Parlamento ten prevista actividade en agosto, polo que a renovación da presidencia do CES non se activaría ata setembro, máis de tres meses despois de coñecerse a marcha de Porro.

O adiamento da renovación da presidencia do CES prodúcese malia as advertencias contra a “situación de provisionalidade” en que o PP deixaba á institución que lanzaron os sindicatos cando se concretou a marcha de Porro

O adiamento da renovación da presidencia do CES prodúcese malia as advertencias contra a “situación de provisionalidade” en que o PP deixaba á institución que lanzaron os sindicatos cando se concretou a marcha de Porro. Desde CCOO criticouse que “non é de recibo” que o PP recompoña a súa estrutura en Vigo “á custa das necesidades do país” , e salientouse que o proceso de diálogo social entre a Xunta, patronal e sindicatos non pode verse interrompido polos cambios na presidencia do CES. Tamén desde a CIG censurouse xa a mediados de xullo “que non se saiba nada de quen vai substituír” a Porro á fronte do CES, de cuxo descabezamento fixeron responsable aos intereses partidistas do PP. “Queren arranxar os seus problemas internos a conta das institucións”, criticaron fontes da CIG presentes no CES.

Porro na súa toma de posesión no CES en 2011 tras ser examinada a súa candidatura polo Parlamento de Galicia CC-BY-SA CES

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.