A Xunta non aclara se vai asumir algunha recomendación do Consello de Contas sobre as eivas nas súas liñas de bus

O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, nunha comparecencia no Parlamento nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

Preguntado no Parlamento polas eivas que o ente fiscalizador detectou no seu traballo, o director xeral de Mobilidade responde que tamén funcionan mal os transportes do Ministerio ou de concellos do PSdeG ou do BNG

Catro días despois de que o Consello de Contas fixese público hai un mes un informe con diversas eivas na planificación e xestión dos autobuses interurbanos por parte da Xunta, a conselleira Ethel Vázquez proclamou que "Galicia é referente en transporte público". Un mes máis tarde, e mentres seguen as protestas por toda Galicia por parte das persoas usuarias, este xoves compareceu no Parlamento para ser preguntado especificamente polo informe de Contas o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro. 

Na súa intervención evitou dicir se vai asumir algunha das recomendacións que lle fai o ente fiscalizador e centrou a súa intervención en criticar que tamén funcionan mal os transportes dependentes do Ministerio ou de concellos gobernados polo PSdeG ou o BNG.

Usuario dun autobús interurbano en Galicia CC-BY-SA Xunta

As preguntas polo informe do Consello de Contas foron formuladas pola deputada socialista Patricia Otero, que fixo repaso ás diversas eivas que veñen denunciando tamén persoas usuarias do transporte público en toda Galicia, como buses escolares sen prazas, desaparición de servizos, impuntualidades, avarías ou cambios de rutas sen previo aviso. Porén, a resposta de Ignacio Maestro foi que "o informe de Contas non deixa en mal lugar o traballo da Xunta". 

Ignacio Maestro considera que o informe de Contas non é tan malo porque das súas 200 páxinas "a metade son as nosas alegacións", nas que pediu sen éxito que o ente fiscalizador eloxiase o seu traballo

O director xeral de Mobilidade puxo o foco nos elementos que Contas considera positivos da reorganización das liñas de bus impulsada pola Xunta hai tres anos obrigada polo Tribunal Supremo. Pero nada dixo das recomendacións que lle fai Contas. De feito, Maestro chegou a considerar que as máis de 200 páxinas do informe de Contas non son tan malas porque "a metade del son as nosas alegacións". Nesas alegacións, como contou Praza.gal, o propio Maestro chegou a pedir a Contas que eloxiase o seu traballo, ao que o ente fiscalizador respondeu que esa non é a súa función, senón sinalar ineficiencias para que as administracións as melloren.

Alegacións da Xunta ao Consello de Contas nas que se queixa de que non eloxie a súa xestión do transporte público CC-BY-SA Praza Pública

Maestro non só non fixo exame de conciencia senón que centrou a maior parte da súa intervención en criticar a outras administracións, lembrando que tamén nos trens hai problemas, que en Vigo hai unha folga no transporte urbano ou que Santiago segue a prorrogar os seus buses a Monbus.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.