"Ao bordo do crack": as deputacións de PSdeG e BNG esixen máis fondos "obxectivos" da Xunta aos concellos

Valentín Gónzález Formoso e Carmela López, presidente da Deputación da Coruña e presidenta da de Lugo, comparecendo este 2 de novembro no Parlamento © Deputación da Coruña | Deputación de Lugo

O presidente da Deputación da Coruña advirte duns municipios "asfixiados polos custos" 

A rolda de comparecencias no Parlamento no marco do trámite dos Orzamentos Xerais da Xunta para 2027 concluíu este luns coa agora conselleira de Política Social, Ángeles Vázquez. E, alén desta alteración -a orde habitual foi variada pola recente crise de goberno-, cunha das escasas aplicacións reais da "coordinación" das deputacións por parte do Goberno galego instaurada no Estatuto: a comparecencia das institucións provinciais para presentar cadansúas contas no trámite orzamentario.

Por parte das deputacións que gobernan PSdeG e BNG, actualmente as da Coruña e Lugo, o presidente da coruñesa e a presidenta da lucense confluíron nun dos eixos das súas mensaxes. Cómpren máis fondos da Xunta para os concellos de menor dimensión, os que atenden fundamentalmente as deputacións, e cómpre ademais que ese reparto sexa "obxectivo", sinalan.

González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, chegando ao Parlamento para comparecer na comisión de orzamentos, este luns © Deputación da Coruña

Valentín González Formoso, alcalde das Pontes e titular da Deputación da Coruña, resume a situación afirmando que son moitos os concellos "ao bordo do crack financeiro, asfixiados polos custos" e con "serias dificultades operativas para afrontar o pagamento dos servizos públicos". E neste escenario, advirte, "o incremento do Fondo de Cooperación local nun 8,4%" nos Orzamentos da Xunta para 2027 "dista de cumprir coas necesidades" en plena "escalada de custos nos servizos básicos como a enerxía, o lixo, a depuración ou o Servizo de Axuda no Fogar". Pero tamén pola "transferencia incesante de competencias sen financiamento" dende a Xunta.

Carmela López "reta" a Xunta a "abrir o debate sobre o reparto dos fondos públicos" para "que non dependan de quen goberne noutra institución": "Non son favores, pertencen á cidadanía"

Formoso defende o sistema de financiamento provincial coruñés mediante o Plan Único de Concellos e o mesmo fixo Carmela López na súa primeira comparecencia ante o Parlamento como presidenta da Deputación de Lugo. A tamén alcaldesa socialista de Burela quixo "aproveitar" a súa intervención ante o lexislativo para "retar a Xunta" a "abrir o debate sobre o modelo de reparto dos fondos públicos".

"Quero un acordo que nos obrigue a todos, tamén a min", sinala López, quen tamén "como alcaldesa" di ter "moi claro" que non quere "depender de quen goberne noutra institución" para que o goberno municipal poida acceder a máis ou menos diñeiro. No caso de Lugo, "non quero que ningún dos 67 concellos dependa de quen presida a Deputación ou a Xunta" porque "os recursos públicos non son favores que conceden os gobernos, pertencen á cidadanía" e por iso "os criterios deben ser obxectivos, estables e públicos".

Carmela López, flanqueada por Julio Torrado e Lara Méndez, este 2 de novembro no Parlamento © Deputación de Lugo

Alén destas reivindicacións, González Formoso bosquexou unhas contas da Deputación da Coruña para o ano de remate do actual mandato que aumentaran case un 15%, ata os 293,9 millóns de euros. Deles, destaca, case 116 estarán "á disposición directa dos concellos" a través do Plan Único e as diversas liñas de subvencións. A institución provincial lucense manexará uns 155 millóns, tamén un incremento na contorna do 15%. O Plan Deputación "de cooperación económica directa cos concellos" medra de 22,2 a 25 millóns, avanza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.