As terceiras 'Xornadas contra a Impunidade' poñen o foco dende Pontevedra na corrupción do franquismo

Vilagarcía, 1953. Actos do 18 aniversario da fundación das 'Falanges gallegas' © Arquivo Deputación de Pontevedra

O mesmo salón da Deputación de Pontevedra que, en 1936, foi escenario do xuízo simulado polos golpistas para asasinar a Alexandre Bóveda, acolle dende hai tres anos as Xornadas de loita contra a impunidade, un espazo de reflexión en clave de memoria histórica promovido polo actual goberno da institución provincial. Na súa terceira edición (do 26 ao 27 de novembro), co pano de fondo do octoxésimo quinto aniversario do golpe que deu paso á ditadura, as xornadas porán o foco na corrupción do franquismo, as súas consecuencias durante o período ditatorial e tamén as súas repercusións na actualidade.

"Moitos fixéronse ricos a costa de deixarnos sen o mellor daquela xeración"

Explica a deputada de Memoria Histórica da institución, María Ortega, que esta edición das xornadas procura "poñer sobre a mesa, sen censura, que as empresas que financiaron a ditadura xenocida se fixeron de ouro" grazas ao réxime de Franco. "Moitos fixéronse ricos a costa de deixarnos sen o mellor daquela xeración" a través de "corruptelas", abonda, que nalgúns casos continuaron "enriquecendo" ata a actualidade aos seus herdeiros. 

Actos en conmemoración do triunfo do golpe de Estado (Pontevedra, 1964) © Arquivo Deputación de Pontevedra

Para a técnica de memoria histórica da Deputación, a tamén escritora e xornalista Montse Fajardo, o programa das xornadas pretende loitar, con datos e feitos históricos, "cunha das mentiras que propagou o réxime e que non desbaratou de todo a democracia: que o franquista era un réxime austero". "Non era austero, senón corrupto, e está demostradísimo", resalta.

Xornalistas como Antonio Maestre e Rebeca Quintáns, a profesora Beatriz Busto, a historiadora Araceli Freira ou descendentes de vítimas do franquismo serán protagonistas dunhas xornadas que rematarán en espazos utilizados pola ditadura para a represión de presos políticos

Con este fío condutor, as xornadas acollerán relatorios como o do xornalista Antonio Maestre, que a partir da documentación do seu libro Franquismo, S.A., abordará a palestra O capital e a represión. A continuación, o historiador Xosé Álvarez detallará "a represión das persoas que colaboraban co réxime en cada localidade" que, a través de organizacións como a Falange, "extorsionaban as vítimas a través de espolios" de bens.

Como "a Galiza de Bóveda e Castelao" se foi "perdendo" mentres era imposta "a Galiza do No-Do", ilustran, será o argumento doutro dos relatorios, o da profesora de Filosofía e Antropoloxía da USC Beatriz Busto. A xornalista Rebeca Quintáns, autora do libro Un rey golpe a golpe, ou a historiadora Araceli Freire, do grupo Histagra, serán outras da relatoras dunhas xornadas que un ano máis xuntarán tamén a descendentes de vítimas da ditadura, "hoxe baluartes da memoria e da loita contra a impunidade".

Alén dos relatorios e exposicións, as xornadas finalizarán cunha visita ao Mosteiro de Oia e á coñecida como Volta dos Nove, en Baiona, para "coñecer a realidade do campo de concentración que alí houbo e onde foron asasinados varios sindicalistas do Val Miñor. Todas as intervencións das xornadas poderán seguirse a distancia dende o sitio web da Deputación de Pontevedra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.