Besteiro promete "suficiente" vivenda pública para que emanciparse antes dos 30 "non sexa un luxo"

José Ramón Gómez Besteiro, nun piso de estudantes, onde estreou o seu programa "Besteiro Directo” © PSdeG-PSOE

Besteiro comprometeuse a impulsar un parque de vivenda pública o suficientemente amplo para que “ningún mozo ou moza teña que destinar máis do 30% do soldo a pagar a casa”

José Ramón Gómez Besteiro presentou este martes o programa de vivenda do PSdeG e fíxoo dende un piso de estudantes en Compostela, incidindo nas dificultades que a mocidade atopa para acceder a unha vivenda digna. O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta comprometeuse a impulsar un parque de vivenda pública o suficientemente amplo para que “ningún mozo ou moza teña que destinar máis do 30% do soldo a pagar a casa”.

Así mesmo, o líder socialista asinou xunto a Xurxo Doval, secretario xeral das Xuventudes Socialistas, o "Programa Mozo" que o PSdeG levará a Xunta, con medidas noutros ámbitos coma transporte e saúde mental e cun chamamento a “recuperar o futuro que o PP roubou á xente nova do noso país”.

Ese piso de estudantes de Compostela foi o escenario escollido para a estrea do programa "Besteiro Directo”, que nesta primeira entrega consistiu nunha charla informal con mozos e mozas, cos que debullou algunhas das principais preocupacións das novas xeracións

Ademais, ese piso de estudantes de Compostela foi o escenario escollido para a estrea do programa "Besteiro Directo”, que se pode ver en youtube, e que nesta primeira entrega consistiu nunha charla informal con mozos e mozas, cos que debullou algunhas das principais preocupacións das novas xeracións, comezando polo problema seguramente máis importante: a falta de vivenda e o encarecemento dos alugueiros.

Besteiro referiuse ao “abandono da política de vivenda” nos últimos anos por parte da Xunta, que fixo que "hoxe en día sexa un luxo poder emanciparse antes dos 30 anos, aínda tendo traballo”. Entre as medidas que recolle o Programa Mozo do PSdeG no ámbito da vivenda está un Plan de Emancipación Xuvenil, habilitar un portal de vivenda para a xente moza facilitando información sobre ofertas e os seus dereitos, ou incrementar a oferta a través dun plan de rehabilitación de vivendas baleiras, que en Galicia chegan a 30.000.

O PSdeG aposta por un servizo de atención psicolóxica gratuíta en todos os niveis de formación

O candidato socialista refeiuse tamén ao dereito á saúde mental que chamou a "despatoloxizar" e a "entender que non pasa nada por ir a terapia”. O PSdeG aposta por un servizo de atención psicolóxica gratuíta en todos os niveis de formación e polo Impulso dun novo Plan Galego de Saúde Mental, achegando a Xunta a dotación económica axeitada para o seu correcto funcionamento.

José Ramón Gómez Besteiro asinou xunto a Xurxo Doval, secretario xeral das Xuventudes Socialistas, o 'Programa Mozo' do PSdeG © PSdeG

O PSdeG propón a expansión dende os 21 ata os 30 anos da Tarxeta Xente Nova, que leva aparellada a gratuidade no transporte metropolitano

Besteiro referiuse tamén ao transporte metropolitano, sinalando que “as deficiencias no transporte en Galicia limitan as oportunidades de milleiros de persoas, é un aspecto estrutural que define o lugar onde vive e onde traballa, a configuración do día a día de estudantes e traballadores de todo o país”. O PSdeG propón a expansión dende os 21 ata os 30 anos da Tarxeta Xente Nova, que leva aparellada a gratuidade nos traxectos, así como por habilitar a posibilidade de expedila de maneira online.

"O 18F acabouse vivir con humidades; quedarse tirado porque non pasa o autobús; ou deixarse 70 euros nun psicólogo porque non hai alternativa no sistema público”, dixo Xurxo Doval, secretario xeral das Xuventudes Socialistas

Despois do encontro, Besteiro achegouse á entrada da Biblioteca Concepción Arenal do Campus Sur, onde militantes das XSG estaban a realizar un reparto electoral. O secretario xeral de Xuventudes Socialistas de Galicia e candidato nº 5 pola provincia de Ourense, Xurxo Doval, declarou que “este programa é unha declaración de intencións. O 18F acabouse vivir con humidades; quedarse tirado porque non pasa o autobús; ou deixarse 70 euros nun psicólogo porque non hai alternativa no sistema público”. 

Doval afirmou que “este programa é a nosa carta de presentación, a porta para que a xeración Z conte, e conte máis, no Parlamento e na Xunta de Galicia”. “Sen paternalismos, vimos a reivindicar a Galicia que tamén vive e padece o presente”, engadiu.

José Ramón Gómez Besteiro, nun piso de estudantes, onde estreou o seu programa "Besteiro Directo” © PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.