Tras o bipartito e o terrorismo, agora "os okupas": a Xunta avanza outro chanzo na campaña do medo

Ángeles Vázquez, vicepresidenta e conselleira de Vivenda, no acto no que este martes cargou contra a 'okupación' de vivendas CC-BY-SA Xunta de Galicia

"Non imos permitir que a okupación sexa o título habilitante para acceder a unha vivenda", di como conselleira a número 3 do PP por Coruña, Ángeles Vázquez, recuperando un elemento clásico da mobilización electoral dos populares

"Non imos permitir que a okupación sexa o título habilitante para acceder a unha vivenda pública". Así se pronunciou este martes a vicepresidenta segunda da Xunta e conselleira de Medio Ambiente e Vivenda, Ángeles Vázquez, número 3 da candidatura do PPdeG pola Coruña. Vázquez, significada hai tempo pola súa axenda política aliñada cos intereses da banda máis á dereita do PP, recuperou así un dos elementos habituais do discurso do medo que veñen empregando os populares nas últimas convocatorias electorais. Unha referencia á ocupación ilegal de vivendas que se suma ás alertas contra o terrorismo ou a volta dun bipartito que veñen lanzando os populares nas últimas xornadas.

As declaracións alertando contra a ocupación ilegal de vivendas, un problema menor en Galicia comparado cos desafiuzamentos, fíxoas Ángeles Vázquez antes de reunirse co Observatorio da Vivenda de Galicia. Un encontro no que conselleira proseguiu coa súa campaña de oposición á lei de vivenda estatal, desta volta encargando un informe ao Consello Consultivo de Galicia de cara a recorrer a norma ante os tribunais. Vázquez asegurou que esa lei, "favorece a okupación" e "ataca o dereito á propiedade e prima aos okupas fronte aos propietarios", entre outras consideracións. 

Rueda iniciou a campaña alertando da volta dun bipartito, despois o presidente do PP de Ourense pediu o voto "fronte a quen se apoia ou é amigo de terroristas" e agora Vázquez carga contra a 'okupación' tras subir as súas axudas aos cazadores

O recurso de Vázquez aos okupas chega despois de que Rueda iniciase a campaña electoral apelando o pasado xoves en Lugo ao voto do medo fronte ao retorno dun hipotético bipartito como o de PSdeG e BNG de 2005-2009, malia que uns días antes a patronal galega desbotase ter "medo" ante un goberno de coalición de esquerdas. O venres, nun acto tamén con Rueda, o presidente da Deputación e do PP de Ourense, Luis Menor, pediu o voto "fronte a quen se apoia ou é amigo de terroristas". E agora chega a ocupación de vivendas, un recurso habitual nas campañas electorais do PP cando quere axitar o medo ao que pode pasar sen son outras formacións políticas as que gobernan.

Hai uns meses, a cinco días das eleccións municipais do pasado 28 de maio, era o propio Rueda o que presidía a sinatura dun convenio sobre información legal en materia de ocupacións. Un acordo que xa fora asinado uns meses antes pero que naquel momento, en plena campaña, o presidente recuperaba para a actualidade ampliando o seu contido.

Por outra banda, a introdución agora na axenda política por parte da vicepresidenta Ángeles Vázquez da ocupación prodúcese apenas dez días despois de que ela mesma dese visibilidade ao apoio do Goberno galego a outro dos sectores tradicionalmente mimados polo PP, o da caza. Fíxoo asinando un novo convenio para divulgar "os seus valores ambientais" durante este ano por 30.000 euros, un 20% máis que o ano pasado. E cunha sinatura do mesmo que se adiantou varios meses a respecto do habitual en anos anteriores. Unha imaxe, a de Vázquez con cazadores, xa habitual antes de cada convocatoria electoral.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.