Cargos da Xunta fixeron 45 visitas a centros de maiores en 33 concellos desde que se convocaron as eleccións

A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitando casas do maior en Cariño o 2 de febreiro, actos que a prensa local presentou como "inauguración" malia estar estas prohibidas pola lei electoral CC-BY-SA Xunta de Galicia

Os actos non só os protagonizaron Rueda, a conselleira de Política social e responsables de maiores e discapacidade senón tamén delegados territoriais e mesmo o conselleiro do Mar e o director xeral de Cultura

Desde que o 26 de decembro o Diario Oficial de Galicia publicou a convocatoria das eleccións para este 18F diversos altos cargos da Xunta realizaron dentro das súas axendas oficiais públicas cando menos 45 visitas a centros de maiores repartidos por 33 concellos de toda Galicia. Na precampaña, ata o 1 de febreiro, dous días despois dun recompilatorio similar realizado por este diario, foron 28 visitas en 23 concellos, pero esas actividades continuaron tamén na campaña electoral propiamente dita, desde o 2 de febreiro, con outras 17 visitas.

A estas visitas oficiais, recoñecidas abertamente nas axendas públicas de cargos da Xunta, hai que sumar actos de campaña do PP, como o que protagonizou o ex-presidente Mariano Rajoy o venres pasado no centro sociocomunitario de Santiago.

A xeira de visitas iniciouna ao día seguinte da convocatoria electoral o propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que o 27 de decembro visitou en Nigrán ás persoas maiores usuarias do programa Xuntos polo Nadal. Despois virían catro visitas distintas a centros de maiores na Coruña e Santiago; tres en Castrelo de Miño; dúas en Mos, Arteixo, Ourense, Vigo e Boqueixón, e unha visita a centros de Portas, Lugo, O Carballiño, Viveiro, Ferrol, Val do Dubra, Gondomar, Teo, Cervo, Moraña, Xinzo de Limia, Bergondo, Sarreaus, Ortigueira, Redondela, Láncara, Pontevedra, Cariño, Pantón, Oímbra, O Incio, Coristanco, Tordoia ou Triacastela.

Estas visitas foron protagonizadas polo presidente Rueda; a conselleira de Política Social, Fabiola García, en varias ocasións -entre elas unha o 2 de febreiro en Cariño que a prensa local presentou como unha "inauguración" malia que están prohibidas en campaña electoral-; e altos cargos responsables das áreas de Maiores, Discapacidade e do Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar, así como os delegados territoriais da Xunta.

Mariano Rajoy, Paula Prado e Borja Verea facendo campaña o venres 9 de febreiro no Centro Sociocomunitario de Santiago, nun espazo compartido coa residencia de maiores Porta do Camiño © PPdeG

Pero entre as visitas a residencias mesmo houbo unha do conselleiro do Mar, Alfonso Villares, o 22 de xaneiro á residencia e centro de día San Ciprián en Cervo, vila da que foi alcalde. E o 9 de febreiro do director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, aproveitando a visita da Furgoteca, o servizo de bibliotecas móbiles da Xunta, á Casa do Maior de Penaxubeira, no Incio.

O pasado venres Rajoy e outros cargos do PP fixeron campaña nun centro de maiores de Santiago

Canto ao PP, Mariano Rajoy fixo campaña no centro sociomunitario de Santiago o pasado venres, un acto que a Consellería de Política Social xustificou asegurando que calquera persoa pode entrar neses centros. No caso do de Santiago, ese centro comparte diversos espazos, nos que estivo Rajoy, coa residencia de maiores Porta do Camiño. A ese mesmo centro volveu este xoves a conselleira de Política Social, pero non para supervisar o seu funcionamento senón para asistir a un baile. Esta sería a visita número 45, cando menos.

Ademais, Rueda prevía unha visita o pasado luns como candidato ao centro de maiores Os Gozos, no Pereiro de Aguiar, pero foi cancelada poucas horas antes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.