Casares, Miranda e Mon xa son eurodeputados galegos da nova lexislatura

Casares, Miranda e Mon recolleron este luns as súas actas de eurodeputados. CC-BY-SA PSdeG/ BNG / PPdeG

“Desde a Eurocámara defenderei os intereses de Galiza e as causas xustas da humanidade”, subliñou Ana Miranda, quen destacou que na vindeira lexislatura o fará “con máis forza se cabe, grazas ao gran apoio que recibimos das 180.000 persoas que nos votaron ”

Os eurodeputados galegos electos nos comicios do 9 de xuño, Nicolás González Casares (PSdeG), Ana Miranda (BNG) e Francisco Millán Mon (PPdeG) recolleron esta mañá no Congreso dos Deputados de Madrid as súas respectivas actas para a nova lexislatura.

A Xunta Electoral Central celebrou o acto de acatamento da Constitución dos candidatos proclamados electos tras as eleccións ao Parlamento Europeo.  “Desde a Eurocámara defenderei os intereses de Galiza e as causas xustas da humanidade”, subliñou Ana Miranda, quen destacou que na vindeira lexislatura o fará “con máis forza se cabe, grazas ao gran apoio que recibimos das 180.000 persoas que nos votaron o pasado 9 de xuño”.

Ana Mirada, no centro, durante o acto celebrado no Congreso dos Deputados. CC-BY-SA Congreso dos Deputados

A eurodeputada galega afirmou que desde o escano do BNG no Parlamento Europeo defenderá os sectores produtivos, tanto o sector pesqueiro e agrogandeiro fronte a quen defende os lobis enerxéticos “que pretenden espoliar a nosa terra”. “Nós seguiremos dicindo Altri non, non coma outros, non como o PP que impulsa un modelo depredador do noso territorio nin como o PSOE, que un día di unha cousa e o seguinte a contraria”, manifestou a eurodeputada nacionalista, quen fixo referencia ás máis das 30.000 persoas que este domingo en Compostela dixeron Altri Non.

Ademais deste proxecto que o PP quere instalar en Palas de Rei tamén fixo referencia á AP9, “outro exemplo da incoherencia de outras forzas políticas e a coherencia do noso traballo continuo e sen descanso na defensa dos intereses dos galegos e galegas”.

Nicolás González Casares, pola súa banda,  defendeu que vai “usar este escano galego para estar cinco anos máis defendendo o noso país”, asegurou, logo de prometer o acatamento da Constitución na compaña dos compañeiros e compañeiras que formarán parte do Grupo dos Socialistas e Demócratas do Parlamento Europeo baixo a presidencia da española Iratxe García Pérez.

González Casares, está maña durante o acto de acatamento da Constitución como eurodeputado. CC-BY-SA PSdeG

Nicolás González Casares comprometeuse a que o asento do PSdeG en Bruxelas servirá para defender “o noso país, a nosa lingua, os nosos sectores produtivos, esa transición ecolóxica e enerxética que tantas oportunidades ten e unha pesca que sexa socialmente sostible e medioambientalmente tamén”

González Casares comprometeuse a que o asento do PSdeG en Bruxelas servirá para defender “o noso país, a nosa lingua, os nosos sectores produtivos, esa transición ecolóxica e enerxética que tantas oportunidades ten e unha pesca que sexa socialmente sostible e medioambientalmente tamén”. “Iso é o que queremos todos os socialistas galegos, que dirixe José Ramón Gómez Besteiro: ter influencia en Bruxelas, pero tamén facer Europa dun xeito positivo para Galicia”, engadiu.

O eurodeputado galego revalidou o seu escano en Europa tras unha lexislatura na que formou parte da Comisión de Industria, Investigación e Enerxía, da Subcomisión de Saúde Pública e da Delegación na Asemblea Parlamentaria da Unión polo Mediterráneo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.