Celta e Concello de Mos esgrimiron sen éxito ante o TSXG un informe da Federación que preside Louzán en defensa da súa cidade deportiva

Rafael Louzán, presidente da Federación Galega de Fútbol, á esquerda na inauguración das instalacións agora declaradas ilegais polo TSXG CC-BY-SA Xunta de Galicia

A Federación Galega de Fútbol argumentou “a gran labor de promoción do deporte base” como xustificación para unhas instalacións que na primeira fase xa executada e declarada ilegal foron pensadas só para o equipo profesional

O TSXG vén de ratificar que as licenzas do goberno local de Mos, do PP, coas que o Celta construíu a primeira fase da súa cidade deportiva nun monte comunal dese consello foron ilegais porque non podían amparar unha actuación do volume do que finalmente se executou. Con eses permisos, di o tribunal, só se podían acometer “instalacións mínimas imprescindibles” para dotar de servizos aos campos de fútbol, pero fíxose moito máis. 

A sentenza tamén revela que en defensa da postura do Concello e da sociedade anónima deportiva que controla o empresario Carlos Mouriño a Federación Galega de Fútbol, presidida por Rafael Louzán, emitiu un informe argumentando que as instalacións estaban xustificadas pola “gran labor de promoción do deporte de base” do Celta, malia que esa primeira fase xa executada sempre foi presentada polo propio club como pensadas para o equipo profesional, e só en seguintes fases para a canteira. A sentenza do TSXG nin se molesta en contestar a ese informe en particular senón que ratifica que o construído foi excesivo.

Sentenza do TSXG que reflicte o informe da Federación Galega de Fútbol sobre a cidade deportiva do Celta CC-BY-SA Praza Pública

Segundo reflicte a sentenza, o informe da Real Federación Galega de Fútbol, con data do 16 de xuño de 2021, xusto tras a primeira resolución xudicial contraria ás instalacións agora ratificada polo TSXG, foi emitido a solicitude do Concello de Mos. Nel dise que “desde o punto de vista da normativa técnica de instalacións deportivas” os proxectos executados considéranse “no seu conxunto, imprescindibles para a correcta práctica do fútbol, tendo en conta ademais que a súa finalidade é satisfacer as necesidades dunha Sociedade Deportiva como a do Real Club Celta de Vigo, que é unha das máis importantes institucións deportivas da Comunidade Autónoma de Galicia, e que realiza unha gran labor de promoción do deporte base e de formación da súa canteira, o que xustificaría unhas instalacións adecuadas como as referidas”.

O TSXG non entra a analizar se as instalacións son as necesarias para o que quere o Celta senón se podían ser executadas coas licenzas municipais que obtivo

Porén, o TSXG non entra a considerar se as instalacións son ou non as necesarias para o fin ao que as quere destinar o Celta, como di a Federación, senón se podían ser executadas ou non coas licenzas municipais que lle deu o Concello de Mos. E a súa conclusión é que non, que sería preciso un plan urbanístico de rango superior.

Ese plan urbanístico xa está a ser tramitado polo Concello, que vén de aprobalo o luns para a súa remisión á Xunta, que debe validalo, o que permitiría así legalizar o que agora o TSXG ve ilegal. Canto á resolución do TSXG, pode ser recorrida ante o Tribunal Supremo, o mesmo tribunal do que depende que Rafael Louzán deixe de presidir o fútbol galego tras ratificar a Audiencia de Pontevedra a súa condena por prevaricación nunhas obras nun campo de fútbol de Moraña cando era presidente da Deputación de Pontevedra. 

Ademais do xa construído que agora se ratifica como ilegal e que Concello e Xunta queren legalizar, a sociedade anónima deportiva quere axuda do Goberno galego para que declare como de interese autonómico unha seguinte fase para construír un complexo comercial e de ocio. Esa declaración facilitaría a expropiación dos terreos necesarios antes a negativa dunha das dúas comunidades de montes da zona a facilitar os plans de Carlos Mouriño.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.