CIG-Ensino alerta de que a Xunta deixa unha porta aberta a manter subvencións ilegais aos colexios que segregan por sexo

Estudantes nunha aula dun instituto público galego CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

A pasada semana a Xunta publicou no Diario Oficial de Galicia a orde que regula os concertos cos centros de ensino privado ata o curso 2028-29. Reserva para financiala algo máis de 1.900 millóns de euros, un incremento do 22,7% a respecto da anterior orde (2017) nunha norma que xa ten que xogar no marco fixado pola vixente lei educativa estatal, a LOMLOE, que entre outros aspectos veta as subvencións aos colexios que segregan o alumnado en función do seu sexo.

Ao contrario do que sucedía en anteriores edicións destas ordes, a Xunta evita reflectir na orde todos os requisitos da norma estatal e limítase e indicar que os colexios concertados están obrigados "a cumprir as normas de escolarización" fixadas "nos artigos 84 a 88 ", entre os que figura a non discriminación por razón de sexo. O artigo 84 foi un dos modificados pola LOMLOE para, precisamente, eliminar os centros segregacionistas como unha das excepcións ao principio xeral de non discriminación.

Que a Xunta "eluda citar a normativa relativa á non segregación de alumnado" fixo saltar as alarmas na CIG-Ensino, sindicato maioritario entre o persoal docente da escola pública. Lembra a central sindical que, por exemplo, a orde de concertos de 2009, redactada polo Goberno de coalición de PSdeG e BNG, si reflectía a normativa vixente no seu momento para deixar clara a preferencia nos concertos para os centos "que desenvolvan o principio de coeducación". Pero agora, o Goberno que preside Alfonso Rueda non cita que a LOMLOE prohibe especificamente a subvención aos colexios que "separan o alumnado polo seu xénero".

O sindicato coida que o Goberno galego "elude" citar a prohibición de subvencionar os centros segregacionistas para "pretender que centros que mantiveron o concerto grazas á blindaxe" da Lei Wert sigan "recibindo fondos". De ser así, advirten, recorrerán aos tribunais como xa fixeran na década pasada

A inquietude da CIG-Ensino ten tamén a súa orixe noutro artigo da orde, o número 6, que "recolle os criterios para subscrición ou renovación dos concertos". Ademais de "eludir" referirse á LOMLOE, advirten, indica que "para a renovación dos concertos terase en conta que se sigan cumprindo os requisitos que determinaron a súa aprobación". "Con esta redacción -cren- a Xunta do PP podería pretender que centos que mantiveron o seu concerto grazas á blindaxe" da Lei Wert "puidesen seguir agora recibindo fondos".

Neste contexto, e ante o que consideran unha "omisión intencionada" da prohibición da segregación por sexo en centros financiados con fondos públicos, o sindicato advirte de que, "como xa fixo con anterioridade, recorrerá ante os tribunais" se se produce algunha concesión aos centros segregacionistas. O Tribunal Supremo xa dera a razón en 2014 á CIG-Ensino por un preito neste eido, se ben a reforma educativa de Rajoy permitiu á Xunta salvar finalmente os concertos en cuestión.

Alén desta advertencia sobre os centros segregacionistas, CIG-Ensino tamén ve con receo a suba do importe total que Educación prevé dedicar aos concertos ata 2029 e que o Goberno galego opte por que todos eses acordos de subvención duren 6 anos aínda que a LOMLOE só fixe ese mínimo para Primaria, deixando en 4 o limiar para os restantes niveis. Alén da súa posición "contraria aos concertos e a prol de cambios lexislativos que promovan a expansión da rede pública", coidan que "a duración debe limitarse á dos estudos de cada etapa educativa, supeditando a oferta á cobertura de prazas nos centros públicos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.